Mobilizacións no país andino

Chile renuncia a organizar dúas cimeiras internacionais polas protestas

O Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC) estaba previsto para o 16 e 17 de novembro, mentres que o cumio contra o cambio climático, COP 25, debía inaugurarse o 2 de decembro e estenderse até o 13 dese mes.

piñera-cimeiras
photo_camera Sebastián Piñera, no anuncio da cancelación dos cumios internacionais

“É cun profundo sentimento de dor, porque é doloroso para Chile, que o noso Goberno decidiu non organizar a cimeira da APEC (...), nin a cimeira COP 25”. Con estas palabras confesou Sebastián Piñera a súa incapacidade para controlar as rúas chilenas ante as masivas mobilizacións da poboación desde hai dúas semanas.

O Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC) estaba previsto para o 16 e 17 de novembro, mentres que a cimeira contra o cambio climático, COP 25, debía inaugurarse o 2 de decembro e estenderse até o 13 dese mes.

Desde hai dúas semanas, Chile está a vivir unha vaga de protestas que, polo momento, deixaron 20 mortos e centos de feridos. As mobilizacións iniciáronse contra o aumento do prezo do billete de metro en Santiago, a capital, mais tornáronse máis profundas, con esixencias de reformas constitucionais.

Malia a suspensión da suba na tarifa do metro por parte de Piñera, as manifestacións mantivéronse e espalláronse por todo o país. O pasado domingo, 27 de outubro, o presidente chileno asinou os decretos de suspensión do estado de emerxencia que durante 10 días rexeu en Chile, con denuncias de asasinatos e torturas. Un día despois anunciou a destitución de oito dos 24 ministros e ministras do seu Goberno.

Comentarios