Opinión

Certame de Poesía Francisco Añón

Acaba de se distribuír o volume do XXII Certame Francisco Añón de Poesía. Convocado polo concello de Outes, é esta unha meritoria e consolidada convocatoria de creación poética. A cal, pola súa vez, ten o valor engadido, de se dirixir, en especial, á xente máis nova.

Isto é así dado que das seis categorías obxecto de participación, cinco están destinadas a concursantes que posúan entre os seis e os dezasete anos. Xa que logo, o mérito principal radica en fomentar a creatividade en lingua galega entre a nosa rapazada dende o inicio mesmo da súa vida escolar.

O conxunto resultante é unha sinxela e coidada edición que inclúe o corpus do material resultante. A saber: as bases do certame, senllas actas –de constitución e mais de resolución– e o total dos textos premiados en cada unha das seis categorías –a derradeira, por certo, para maiores de dezaoito anos–. Son estes tanto os galardóns outorgados coma os accésits concedidos, que, como é obvio, inclúen a publicación destas obras.

Do elenco de nomes galardoados nas sucesivas edicións lévase incorporado ao noso panorama literario xa un suxestivo catálogo de poetas. Son de singularizar nesta nova entrega, polo feito de editaren xa libro individual, tanto Kai Lois Baltrusch coma Arancha Nogueira.

Todo isto sen esquecer o material fotográfico esparexido ao longo das páxinas deste volume, que, debidamente contextualizado, contribúe a enxergar unha breve aproximación antropolóxica aos labores tradicionais neste concello dende a metade do pasado século.

Como encadre enmarcador operan un limiar e un epílogo, que lles foron encomendados a dous membros do xurado. O primeiro é froito da poeta Lucía Novas, quen, amais de subliñar os traballos premiados, enxalza o valor singular da perspectiva poética, que, a teor das súas palabras, se pode converter tanto na frialdade da neve, coma no refulxir do damasco ou ben nas turbulencias do eu.

O segundo, da responsabilidade de quen isto escribe, realiza unha aproximación ao vínculo establecido entre dous grandes creadores do noso Rexurdimento. Dunha banda, o autor que lle dá nome ao certame e, doutra, o poeta celanovés Manuel Curros Enríquez. Quen, amais de vindicar a figura do escritor de Boel, o converterá en guía na súa peregrinaxe polos vagóns dos pecados capitais no seu poemario O divino sainete.

Parabéns, logo, a esta iniciativa, que, con pulso firme e delicado, segue a reescribir as primeiras páxinas literarias do libro da vida de moita mocidade de noso que, parafraseando a verba poética de Francisco Añón, traballan por se incorporaren ao ronsel creativo de quen “da Patria aumentaron a gloria”.

Comentarios