Opinión

Cerebros de mosquito

Este ano 2021 comezou forte, semella que querendo deixar claro ao tolo 2020 que o protagonismo vai estar rifado.

Onte padecín en Madrid as consecuencias de Filomena e a pouca broma que é tratar de chegar a un traballo camiñando polo xeo e con temperaturas baixo cero. Poucas cousas doen máis que o frío nos pes e mans. Por iso, ver xente celebrando e frivolizando co perigo, porque é verdadeiramente perigosa a situación, ponme dos nervios. Pero hai cousas que aínda ao a acubillo e calor da casa poden deixar a unha máis fría que a borrasca Filomena. Por exemplo comprobar como na Radio Galega permiten a un dos seus colaboradores habituais golsar unhas descalificacións machistas, sexistas e absolutamente censurables sen que ninguén teña reaccionado ou esixido rectificación.

Aconteceu o pasado luns 4 de xaneiro no programa Galicia en Goles (minuto 24:36), “os futbolistas teñen mozas moi belas, pero con cerebro de mosquito”. O xornalista falaba sobre a festa ou quedadas dos xogadores do Sporting de Xixón responsables supostamente dun importante gromo de coronavirus na localidade que afecta a 150 persoas. Lonxe de censurar a irresponsabilidade dos xogadores e a afección dalgúns futbolistas polas festas mesmo nesta pandemia, o comentarista foi culpar ás mozas dos mesmos por ter difundido nas redes sociais vídeos dalgunha das polémicas xuntanzas.

A culpa é delas, ás que define non contento coa reflexión de xeito sexista “mozas moi belas…” e mesmo cae na descalificación “pero con cerebro de mosquito”.

A ausencia absoluta de perspectiva de xénero é tan evidente que mesmo comentando o tema con compañeiros da prensa, lonxe de lamentar o acontecido defenden que en anos nas ondas o xornalista que pronunciou esta perliña non se ten caracterizado por comentarios machistas e por iso non hai que darlle máis voltas!

Damos tan pouca importancia a estes comportamentos mesmo nunha radio pública que non sorprende que ningún compañeiro censurase nin no momento, nin estes días o comentario.

Queda moito por facer, así andamos metidos no ano 2021 e o peor de todo é que se non fora pola denuncia pública na conta de Twiter de As Xornalistas o lamentable episodio pasaba coma se nada.

Comentarios