O centro comercial Marineda City seduce Lar España

A inmobiliaria Lar España busca sumar á súa carteira un dos maiores centros comerciais, polo que estaría disposta a pagar entre 300 e 400 millóns de euros.  
Centro comercial Marineda City na Coruña. [Imaxe: Marineda City]
photo_camera Centro comercial Marineda City na Coruña. [Imaxe: Marineda City]

Lar España sae de compras e nos seus obxectivos está o de sumar á sua carteira un dos maiores  centros comerciais do Estado español, polo que estaría disposta a pagar até 400 millóns de euros.

Así o desvelou esta sexta feira o seu conselleiro delegado, Miguel Pereda, durante a presentación de resultados da compañía, que nos nove primeiros meses do ano presentou un beneficio bruto de 75 millóns de euros, 2% menos que no mesmo período do ano anterior.

Pereda apuntou que están interesados nalgún dos 74 maiores centros comerciais do país, e Marineda City encaixa no que anda a procurar. Non se descarta, pois, que a socimi que xestiona na Galiza os centros Gran Vía de Vigo e As Termas de Lugo poida poxar por facerse co maior centro comercial do país e un dos máis grandes de Europa. 

Venda de centros comerciais

Marineda City, promovido no seu día polos empresarios galegos Manuel Jove, Modesto Rodríguez, Xosé Collazo e Xosé Souto, foi adquirido en 2014 por Merlin Properties xunto co hotel Carrís Marineda por 260 millóns de euros. A súa valoración hoxe en día está dentro do rango que manexa Lar. 

Ademais, Merlín anunciou recentemente que está disposta a desfacerse de activos non estratéxicos para captar até 450 millóns nos próximos anos para financiar os proxectos que ten agora en marcha. Un informe de Barclays sinalaba entre eses posíbeis activos en venda unha carteira de centros comerciais cun valor de 300 millóns de euros. Estaría por ver se Marineda, o seu principal activo por superficie bruta alugábel, estaría entre os inmobles dos que Merlín estaría disposta a desfacerse. 

Comentarios