Opinión

Contra as centrais de compras

Afrustrada creación dunha axencia centralizada de saúde pública e calidade asistencial, encargada de comprar de forma centralizada os insumos e equipas de protección necesarias para atender posibles rebrotes futuros ou novas vagas da pandemia, abriu de novo o debate sobre cal debe ser a política de prevención futura. O feito de que foran as forzas nacionalistas as que máis oposición amosasen, até o punto de paralizar a medida, fixo que estas fosen alcumadas de egoístas nalgúns medios por supostamente pór por diante os intereses dos seus territorios diante dun suposto interese xeral español.

Mais sexa por nacionalismo ou por calquera outra razón, entendo que conseguir que tal axencia non fose implantada non só foi bo para as súas comunidades senón para o conxunto da cidadanía española. Non sería a primeira vez que medidas supostamente egoístas poden ter consecuencias beneficiosas para todos, e medidas pensadas como altruístas ter resultados nefastos ou beneficiosos para só uns poucos.

O caso é que tal centralización de compras temo que sería un desastre parecido ao da centralización de competencias no tempo máis duro da epidemia, a pesar de que aparentemente sexa unha boa noticia para todos, pois garantiría o fornecemento de bens sanitarios e abarataría os custos. Teoricamente, dinnos os xacobinos e os racionalistas cartesianos, a centralización das compras (ou de calquera cousa) ofrece economías de escala ao comprar e mellor capacidade de negociación aos gobernos, polo que os gastos de compra poderían reducirse substancialmente e teríamos garantido un mellor acceso aos bens. Sen negar que este principio ten certa lóxica, é menos coñecido pola contra que o case descoñecido economista agrario Ralph Borsodi amosou que se ben os custos de compra diminúen coa escala, os custos de distribución incrementan substancialmente coa escala até o punto de que estes son ao final máis onerosos coas vantaxes obtidas da centralización. Canto máis grande é a compra é máis barata, pero tamén máis cara de repartir. Esta é a razón principal, se ben existen outras, de que siga habendo produción local e a pequena escala. Tamén é a razón que explica que non compremos as cebolas, o aceite ou calquera outro ben de forma centralizada cos nosos veciños.

No mundo das administracións públicas, acontece algo semellante. A axencia centralizadora compraría os materiais e tería logo que crear uns almacéns centrais para gardalos. Cando compramos a grande escala, é difícil axustar as cantidades e, polo tanto, é de supor que haberá mermas importantes ou o risco paralelo de escasezas. En caso de pandemia ou crise sanitaria, tería que repartilos e distribuílos, o que podería formular problemas políticos serios en caso de ter que priorizar uns sobre outros no reparto (algo semellante ao que vai acontecer cando se repartan as futuras vacinas contra a Covid).

En definitiva, se o que se quere é realmente garantir o subministro, é moito máis acaído deixar a cada sistema sanitario comprar ao seu xeito, pois aínda sendo un pouco máis caro, ao final vai compensar e no só iso, e moito máis difícil que todos fallen ao mesmo tempo nun asunto tan vital.

Comentarios