Centos de persoas xubiladas exixen nas rúas galegas a derrogación da reforma das pensións

pensións
photo_camera (CIG)

Centos de persoas xubiladas concentráronse esta quinta feira nas sete cidades, convocadas pola CIG, para reclamar a derrogación da reforma das pensións realizadas polo PSOE e PP, á vez que se demandan pensións "dignas".

En Lugo, ante a sede da Seguridade Social, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinalou que unhas pensións "dignas" terían que ser de "1.200 euros", xa que deben "ser de igual contía que o Salario Mínimo Interprofesional, que de acordo á Carta Social Europea é 60% do salario medio".

Na Galiza, máis da metade das pensións son inferiores a 706,6 euros, lonxe da media estatal. Mentres, a pensión media dunha muller galega é case 300 inferior á dun home.

A CIG pide, entre outras medidas, a fixación por lei das pensións mínimas iguais ao SMI e cunha revalorización anual igual que o IPC, como mínimo; así como unha xubilación ordinaria a partir dos 65 anos e voluntaria cando se teñan 35 anos cotizados (reais ou por aplicación de coeficientes redutores).

En Santiago, ao redor dun cento de pensionistas concentráronse na Praza do Toural cun cartaz co lema 'Mobilicémonos en defensa das nosas pensións'. Os pensionistas protestaron con cánticos como: "Derrogación da reforma das pensións", 'Non faltan cartos, sobran ladróns' e 'E a culpa de quen é, do PSOE e do PP'.

En declaracións, o portavoz do colectivo de xubiladas e xubilados de Compostela da CIG, Xosé María Torres, Xepe, defendeu que para "haber unhas pensións dignas o primeiro que ten que haber son salarios dignos". "Por iso non é un tema unicamente dos xubiladas", senón de "todos os traballadoras".

A este respecto, chama a manter o sistema publico de pensións e que "sexa sustentable a medio e longo prazo". Pide que "se revarolicen, sobre todo, as pensións máis baixas", xa que "non chega con subir o IPC".

E é que di que están "relativamente contentos" coa subida do 0,9% deste ano, como o IPC, pero "cal é o problema? Pois que as pensións máis baixas subiron dous euros e medio, e iso non chega para nada".

Comentarios