PIDEN A RETIRADA DAS IMPUTACIóNS AOS DETIDOS

Centos de persoas saen á rúa contra a suspensión de Causa Galiza

As rúas de Compostela acolleron na mañá do domingo unha manifestación contra a suspensión de Causa Galiza decretada polo xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco. Participaron representantes de organizacións políticas, colectivos sociais e sindicatos.

[Imaxe: @gzcontrainfo]
photo_camera [Imaxe: @gzcontrainfo]

Centos de persoas percorreron esta mañá as rúas de Compostela para protestaren contra a suspensión, durante dous anos, de Causa Galiza, após a “Operación Jaro” aberta polo xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco, ao que lle reclamaron liberdade de reunión, asociación e manifestación.

Baixo o lema,  “Em defesa dos direitos civis e políticos para todas e todos. Nom à ilegalizaçom de organizaçons políticas”, as persoas participantes, que berraron consignas como "Non á represión", expresaron a súa solidariedade coas nove persoas detidas no marco da “Operación Jaro”, apreixadas o 30 de outubro e postas en liberdade con cargos o 2 de novembro.

Ao finalizar a mobilización, Baldomero Iglesias, “Mero”, leu un manifesto no que se pediu a “retirada das graves imputacións penais ás que están sometidas” as persoas detidas no que é “un novo caso de represión política”. Amais de denunciar “o carácter abertamente político da operación”, esixiuse “o levantamento da suspensión das actividades políticas que desenvolve a organización política independentista Causa Galiza”.

"Ningunha opinión nin ideoloxía –agás o racismo e o fascismo- poden ser ilegalizadas", recolleu o manifesto

“Ningunha opinión nin ideoloxía –agás o racismo e o fascismo- poden ser ilegalizadas”, recolleu o manifesto, que tamén alertou do “proceso de fascistización do réxime español, ao que se acusa de “deixar fóra da legalidade o independentismo organizado”.

A suspensión de Causa Galiza, “coñecida publicamente desde 2007 polo seu traballo a favor do dereito de autodeterminación da Galiza e da independencia nacional,” decretouse a raíz da detención de nove independentistas galegos o 30 de outubro, acusados de dous delitos de “integración en banda armada” e “enaltecemento do terrorismo”.

O entorno próximo aos detidos lamenta que o “importante dispositivo mediático que socializou a versión policial, condenando sen xuízo previo as nove persoas detidas, vulnerando a súa presunción de inocencia e ocultando o impulso político do operativo policial”.

Participaron numerosas facianas coñecidas do independentismo e do mundo sindical, como o propio secretario xeral da CIG, Suso Seixo

No protesto da mañá do domingo participaron numerosas facianas coñecidas do independentismo e do mundo sindical, como o propio secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e o secretario de Organización, Paulo Carril, así como representantes das organizacións políticas, sociais e culturais que se adheriron á convocatoria, como Ceivar, Agir, Riazor Blues, Mulheres Nacionalistas Galegas, Xeira, Adega, Verdegaia, Isca ou Anova.

Aínda que entre os partidos que apoiaron a mobilización non estaba o Bloque, participaron numerosos militantes da organización nacionalista, como o alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, ou o ex portavoz nacional, Guillerme Vázquez.

Tamén participaron representantes do mundo literario, como Fran P. Lorenzo, Teresa Moure e Séchu Sende.

Portaron a faixa da manifestación cabezas visíbeis das entidades adheridas á mobilización, entre eles, o historiador Uxío Breogán Diéguez ou Fernando Blanco, de Esculca.

Comentarios