Centos de persoas maniféstanse en Vigo por un convenio digno no sector das ambulancias

ambulancias vigo

Vigo acolleu esta quinta feira a manifestación convocada por persoal das ambulancias de Galiza para reclamar un convenio digno. Os traballadores e traballadoras deste sector acumulan meses de mobilizacións demandando un convenio que lles permita recuperar dereitos e salarios.

ambulancias @adrianrbravo

Denuncian, aliás, a pretensión dalgunhas empresas do sector  de aplicar modificacións substanciais das condicións laborais que suporían rebaixas salariais de case 400€ ao mes, máis carga de traballo e menos días libres; e para esixir que se cumpra co establecido nos contratos do Sergas

Desde a CIG responsabilizan a Xunta  de ter facilitado a precarización do sector ao outorgar concesións “até nun 12% á baixa” a empresas que, como Ambuibérica, pretenden laminar os salarios até nun 25%, aumentar carga de traballo ou reducir días libres. Alertou, ademais, de que as empresas rebaixan os estándares de seguridade, sobre todo no tocante á prevención dos riscos biolóxicos mentres “a Xunta mira para outro lado”. Todo isto cando nos dos últimos anos, segundo denuncia, incrementouse a carga de traballo “en 20% co mesmo persoal” ou se estenderon os contratos en prácticas remunerados unicamente co 60% do salario en convenio.

A CIG critica a falta de implicación da Consellaría de Sanidade no conflito do transporte sanitario, “xa que a pesar de ser responsábel principal da situación por aceptar ofertas á baixa e diante do deterioro que sufre este servizo público polos incumprimentos das empresas, continúa a "mirar para outro lado".

Imaxes: @adrianrbravo e @bngvigo

Comentarios