A Fondo de Sermos Galiza

Cen anos 'Da Terra Asoballada'

O mesmo ano en que os bolxeviques tomaron o Palacio de Inverno en Petrogrado, Ramón Cabanillas publicaba unha das súas obras maiores, Da Terra Asoballada. Libro de poemas chave no ambiente cultural das Irmandades da Fala, Sermos Galiza celebra os seus cen anos cun A Fondo. Esta quinta feira presentarase en Cambados, dentro dos actos do 58 cabodano do Poeta da Raza.
 

Detalle_da_estatua_de_Ramón_Cabanillas._Cambados._Lucas_Míguez
photo_camera Detalle da estatua de Ramón Cabanillas en Cambados, obra do escultor Lucas Míguez. Foto: cedida.

Cinco autores e autoras, coordinados por Víctor Caamaño -concelleiro de Cultura polo BNG na vila-, debrúzanse sobre diferentes aspectos de Cabanillas (Cambados, 1876-1959). Non todos tratados antes con detemento. O propio Caamaño lembra o traballo do escritor como empregado municipal: "Nunca foi concelleiro da súa vila natal, nembargantes viviu con intensidade a política municipal".

O suplemento, que se distribúe a partir da quinta feira co semanario Sermos Galiza, parase no compromiso político do autor. O profesor Duarte Correa expón o seu apoio ao agrarismo ou ao nacionalismo organizado nas Irmandades da Fala e despois no Partido Galeguista. O poeta Xosé Manuel Millán Otero estuda xustamente o paso da militancia agrarista ás Irmandades no libro conmemorado, Da Terra Asoballada. Ramón Caride Ogando, escritor, tamén se interna nas páxinas do significativo poemario.

As estreitas relacións de Cabanillas co escultor Francisco Asorey ocupan a achega da investigadora Maribel Iglesias. E o académico Francisco Fernández Rei expón os contidos do legado familiar do poeta.

O A Fondo de Sermos, titulado Ramón Cabanillas, cambadés universal, presentarase no Salón de Actos Exposalnés de Cambados a quinta feira 9 de novembro ás oito do serán. Media hora antes, unha ofrenda floral no monumento ao poeta do Paseo da Calzada honrará o vate.

Comentarios