O Celta recibe un Valencia líder da Liga con Murillo xa no once liderando a zaga

Por outra banda, o CD Lugo anunciou na sexta feira, pouco antes da conferencia de prensa do adestrador, Juanfran García, a incorporación de Xavi Torres á disciplina albivermella.

EuropaPress_2629125_oscar_garcia_junyent_head_coach_of_rc_celta_vigo_in_action_during_the_liga
photo_camera Junyent, no choque entre os dous equipos de febreiro en Valencia (Maria Jose Segovia / AFP7)

O Celta de Vigo recibe este sábado, 19 de setembro, en Balaídos ás 21 horas o Valencia CF. O técnico celeste, Óscar García Junyent, incluíu a Jeison Murillo na convocatoria de 24 xogadores da que caeu Jorge Sáenz. Sergio Álvarez e Rubén Branco son baixas por lesión, e non se agarda que ningún dos dous porteiros poida estar listo até o mes de novembro. 

Ademais de Jorge Sáenz tampouco entra na convocatoria David Costas. Óscar García Junyent non conta con estes dous defensas centrais que están á procura da súa saída do Celta. 

"Ambiente familiar"

A respecto do seu regreso ao equipo vigués, Murillo pronunciouse en declaracións á canle de TV do club, Celta Media. O xogador colombiano dixo estar "feliz". "Levo agardando este momento varios meses. Tardouse un pouco, mais finalmente estou aquí en Vigo e estou moi contento", sinalou. As negociacións coa Sampdoria estendéronse durante dous meses.

O defensa central manifestou que estaba onde máis cómodo estivera. "Atopeime cun ambiente familiar e un técnico que me deu confianza", declarou

Murillo chegou no mercado de inverno como petición expresa de Junyent. Desde o minuto un do seu debut en San Mamés xa se fixo o amo da defensa. A súa xerarquía e carácter positivo son fundamentais para un Celta que esta tempada non quere volver sufrir como na anterior.

"Hai equipo para facer cousas boas e cumprir os obxectivos que se marquen", comentou o xogador, que nesta campaña vestirá a camiseta co dorsal número 24, no canto do 21 que luciu durante a anterior.

Xavi Torres, ao Lugo

Por outra banda, o CD Lugo anunciou na sexta feira, pouco antes da conferencia de prensa do adestrador, Juanfran García, a incorporación de Xavi Torres á disciplina albivermella.

Confirmouse así de forma oficial a nova que levaba días a circular no entorno do clube lucense. A de Torres é unha das dúas incorporacións que o Lugo tiña previsto facer para a zona do centro do campo. Agora, agárdase pola segunda, a de El Hacen, que chegaría de novo como xogador cedido desde o Valladolid, o seu clube. 

Xavi Torres, de 33 anos, vén libre ao Lugo, con quen asinou un contrato por unha tempada de duración. Na anterior campaña, disputou a competición de  Kuwait. Durante a súa extensa carreira deportiva, o valenciano militou en equipos como o FC Barcelona, o Villarreal, o Málaga, o Levante, o Getafe, o Betis, o Sporting de Gijón ou o Elche.

Comentarios