O Celta remata coa xeira negativa ao vencer pola mínima o Sevilla con un tanto de Okay

Okay, autor dotanto
photo_camera Okay, autor do tanto

O Celta de Vigo conseguiu saír dos postos de descenso da Primeira División grazas ao seu triunfo sobre o Sevilla por 1-0. O turco Okay Yokuslu foi o autor do único gol do partido. Con esta vitoria, o Celta racha cunha xeira negativa que levou o conxunto de Miguel Cardoso a ocupar postos de descenso, que abandonan polo momento a falta de saber que fan os seus rivais directos da zona baixa ao longo da xornada de hoxe.

O equipo vigués tivo que pelexar a vitoria. A primeira parte foi moi gris, con apenas ocasións para ningún dos dous contendentes. As defensas impúxose sobre uns ataques excesivamente previsíbeis, pouco creativos e con escasa mobilidade, Na segunda metade o encontro mudou a mellor. O Sevilla, que semellaba estar aínda tocado pola goleada encaixada esta semana ante o FC Barcelona, deu un paso adiante e empurrou máis. Froito desa presión chegaron algúns contraataques que a piques estiveron de se traducir en gol. Pero non chegou e foi Okay Yokuslu quen á saída dun saque desde o curruncho meteu o primeiro e único tanto. Quedaban por diante vinte minutos nos que os visitantes apretaron e os locais sufriron, mais, finalmente, os tres puntos quedaron en Vigo. 

Menos eficacia demostrou o Deportivo en Riazor diante do Tenerife. O conxunto de Natxo González segue invito como local, mais desta vez non puido traducir en gol as ocasións que tivo, menos, certo é, que noutros encontros desta mesma tempada. A ocasión máis clara chegou na última xogada do partido, cando Quique conectou un tiro na área pequena, mais non o suficientemente contundente para que o gardarredes do Tenerife non puidera atallalo. Con este empate, o Deportivo mantense nos postos de promoción a Primeira División. 

E tamén en Segunda xogou o CD Lugo, que non puido puntuar no difícil campo de Los Pajaritos, en Soria. O Numancia foi mellor desde o primeiro minuto (adiantouse no 4) e malia os intentos dos galegos de pór a igualada, o CD Numancia demostrou ser máis eficaz e sólido en defensa. 

Comentarios