O Celta prepárase para arrancar unha campaña marcada pola excepcionalidade

O único equipo galego na Primeira División abre mañá ás 16 horas contra o Eibar vasco unha tempada 2020/21 na que o conxunto celeste estará moi condicionado polas consecuencias económicas da Covid-19, traducidas nunha carestía no número de incorporacións que preocupa, e moito, á bancada viguesa.
O do díscolo e xenial turco Emre Mor é un sorriso de esperanza para toda a afección celeste. (Foto: RC Celta).
photo_camera O do díscolo e xenial turco Emre Mor é un sorriso de esperanza para toda a afección celeste. (Foto: RC Celta).

Un ano non deixan nunca de ser 365 días, pero en ocasións parecen un mundo. En 2019, o Celta foi quen de dar forma a un mercado de fichaxes baixo o lema de "Operación Retorno" no que volveron a Vigo estrelas con ADN celeste como Rafinha, Santi Mina, Pape Cheikh, ou Denís Suárez. De feito, polo de Salceda de Caselas a entidade presidida por Carlos Mouriño pagou ao Barcelona máis de 12 millóns de euros, converténdoo na segunda fichaxe máis cara da historia do clube tras o hispanobrasileiro Catanha. 

Ademais, nomes quizais non tan coñecidos, pero igualmente prometedores como os centrais Joseph Aidoo e Jorge Sáenz ou o uruguaio Gabriel Matías 'Touro' Fernández concertaron unanimidade nas bancadas sobre o potencial dun cadro de xogadores que, da man dun técnico con tanta experiencia como Francisco Escribá, prometía volver á senda perdida logo da -nunca abondo- lamentada marcha de Eduardo Berizzo no verán de 2017.

Pero, como cantaban os tamén vigueses Aerolíneas Federales naquel temazo do Xabarín Club a mediados dos anos 90, "Non, non, non todo é o que parece amigo, hai que pensalo moi ben. Ai, ai, ás veces metes a pata tío, e todo sae ao revés".

Contra todo prognóstico, a "Operación Retorno" fracasou e a tempada foi un desastre en todos os eidos, sendo a única boa nova a agónica permanencia asinada no derradeiro partido de Liga, e grazas a que o Leganés non foi quen de derrotar o Real Madrid, pois o Celta nin sequera puido gañarlle a un Espanyol de Barcelona que levaba varias xornadas matematicamente na Segunda División.

En tempos de crise, a mellor fichaxe está na casa

De cara a esta nova campaña, a novena consecutiva na máxima categoría, Carlos Mouriño e o seu director deportivo, Felipe Miñambres, viron considerábelmente reducida a súa marxe de manobra logo da redución tanto do límite salarial como do orzamento do clube, que se viu minguado en practicamente un 30%. 

Esa é a causa fundamental da práctica parálise no mercado de incorporacións celestes, que provocou que dúas fichaxes absolutamente anheladas pola afección como as de Rafinha e Murillo -e que hai apenas uns meses se daban por seguras- estean na actualidade na neveira e con perigo de caer definitivamente en calquera momento.

Tamén a incorporación dun porteiro e un dianteiro, peticións expresas do técnico Óscar García Junyent, parecen dilatarse no tempo ante os condicionantes económicos da tempada máis estraña dos últimos tempos.

As únicas novidades seguras polo de agora son as de Renato Tapia, Álvaro Vadillo e Miguel Baeza, procedentes do Feyenoord holandés, Granada e Real Madrid, respectivamente. Porén, a mellor incorporación parecía estar na casa: Emre Mor. O díscolo e xenial turco exhibiu nos encontros de pretempada un nivel que endexamais se lle vira desde a súa fichaxe por 13 millóns de euros hai tres anos, lembrando por momentos aquel xenial home de banda que namorara o fútbol europeo cando defendía as cores do Borussia de Dortmund.

Por iso, as seareiras e seareiros permanecen cos dedos cruzados para que se repita aquela historia de Amavisca no Real Madrid de Valdano datada orixinalmente en 1994, e da que desde aquela levamos abusando até a náusea os xornalistas deportivos como exemplo de xogador que estaba fóra pero que se reencontrou até converterse en fundamental para o seu equipo.

A primeira oportunidade para tomarlle o pulso a este novo Celta 2020/21 será mañá a un deses fantásticos -para Tebas- horarios que ten por costume fixar a Liga de Fútbol Profesional (LFP): 16 horas da tarde.

O rival dos da cidade olívica será un Eibar no sempre complicado campo de Ipurúa, aínda que, igual que os da cidade olívica, están tendo problemas coas fichaxes, até o punto de que o seu preparador, Mendilibar, laiouse publicamente de que o clube estea "tardando" en fechar unha serie de incorporacións que cubran baixas tan importantes como as de De Blasis, Charles ou o ex celeste Orellana.

A campaña de captación de socios e socias tamén está condicionada pola pandemia

O Real Club Celta está a traballar -"desde antes de que finalizase a pasada Liga", segundo informan fontes oficiais da entidade olívica- na campaña de aboados da tempada 20/21. O obxectivo do clube é "garantir que os seus socios e socias reciban o mellor servizo posíbel" e ofrecerlles "unha solución acorde coa realidade que nos está tocando vivir estes meses".

Por iso, e ante a situación de "total incerteza acerca da data na que os afeccionados e afeccionadas poderán volver aos estadios", así como sobre o número en que as autoridades permitirán acceder aos recintos da Liga, incluído o Estadio de Balaídos, o Celta afirma barallar "todos os escenarios que poidan producirse", e mostra a súa confianza en presentar novidades sobre a campaña de aboados en vindeiras datas.

Comentarios