O Celta abre a Liga contra o Eibar fóra da casa e o Lugo contra o polémico Fuenlabrada

Tanto o conxunto celeste como o albivermello debutarán o 13 de setembro
Persoal esencial durante os peores momentos da pandemia protagonizaron o sorteo do calendario. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Persoal esencial durante os peores momentos da pandemia protagonizaron o sorteo do calendario. (Foto: Nós Diario).

Os equipos galegos en Primeira e Segunda División, Celta de Vigo e Club Deportivo Lugo, xa contan con calendario oficial logo do sorteo realizado onte na sede madrileña da Real Federación Española de Fútbol (RFEF).

A escuadra viguesa iniciará a que será a súa novena tempada consecutiva na máxima categoría o vindeiro día 13 de setembro, domingo, cun encontro no que terá que desprazarse até o sempre complicado Estadio de Ipurua para confrontar o Eibar do arbense Yoel Rodríguez ou dos ex deportivistas Edu Expósito e Quique González.

Xa na segunda xornada de Liga, os celestes recibirán en Balaídos un Valencia sumido nunha fonda crise deportiva e institucional, e na terceira visitarán o campo do Real Valladolid, nun encontro que precederá a chegada a Vigo dun Fútbol Club Barcelona -con ou sen Leo Messi- na cuarta semana de competición. 

Este comezo ligueiro presúmese como o momento máis intrincado para o Real Club Celta, pois logo de recibir os culés terá que viaxar a Pamplona para xogar contra Osasuna e inmediatamente despois recibir ao Atlético de Madrid do 'Cholo' Simeone, o eterno candidato número tres ao triunfo no campionato ligueiro tras os todopoderosos Real Madrid e Barcelona.

A Segunda División, tan dura como sempre

Pola súa banda, o Club Deportivo Lugo abre a competición cun encontro -casualidade do calendario- contra o polémico Club de Fútbol Fuenlabrada de Praena e Javier Tebas Júnior.

Os pupilos de Juanfran, o heroe da agónica salvación da pasada tempada, teñen esa única aspiración, salvar a categoría, para o que terán que superar un complicadísimo inicio de Liga que inclúe partidos contra Leganés  e Almería (xornadas 2 e 3).

O Dépor, co resto dos galegos na Segunda B

Pola súa banda, a Comisión de Presidentes de Federacións Autonómicas, a falta da ratificación da Comisión Xestora, tamén fixo pública durante a xornada de onte a súa proposta de distribución de grupos da Segunda División B, da que o Real Club Deportivo formaría parte no Grupo I-Subgrupo A.

O conxunto branquiazul tería como rivais os equipos de Castela e León Guijuelo, Zamora, Salamanca e Unionistas, así como o resto de escuadras galegas da categoría: Coruxo, Compostela, Rácing de Ferrol, Pontevedra e RC Celta B, no que sen dúbida será o encontro con máis polémica da categoría.

A falta de ratificación, prevista para o 14 de setembro, a Segunda División B comezaría arredor máis dun mes máis tarde que a Primeira e a Segunda, concretamente o 18 de outubro.

Comentarios