Os actos comezarán ás doce da mañá no parque do Castro cun Roteiro imaxinario (ou non) pola vida da autora de Intempériome (2003) a cargo da escritora Susana Aríns. Á unha decorrerá a lectura do sexto Día das Galegas nas Letras, seguido da sesión vermú con Dúas Gamberras e un Micro.
De tarde, será outra poeta, Arancha Nogueira, quen recite, acompañada pola música de Sanny. Cristal Méndez Queizán (ás catro e media) e Silvia Penas (ás seis) completarán o programa poético. Polo medio, máis música: ás cinco as Pandeireteiras de Verducido, ás cinco e media a regueifa musicada de Alba María e Queco, e ás seis e media, como ramo da xornada, Laura LaMontagne e Mai.
Haberá ademais un “obradoiro de camisolas” que servirá para que a poeta Nuria Vil estampe prendas con versos de Xela Arias, cuxa Poesía reunida publicou Xerais o pasado ano en edición de María Xosé Nogueira.