Opinión

CD Lugo, ou cando só queda o orgullo

Cada fin de semana un seareiro do CD Lugo ten a mesma sensación. Recibe con infinito ánimo o venres até que se percata de que hai un sábado ou un domingo. Días de partido dun equipo que este ano pon un nó na gorxa sen sequera velo xogar. A sensación é de angustia total só con ver as aliñacións que formula un Monteagudo taciturno, que non sabe nin como segue no seu posto. Cada semana hai unha dose de improvisación que nos está a matar pouco a pouco.

A falta de fe e de xogo é coma un veleno na sangue que vai triturando vea a vea sen importar o resultado. Na última xornada, o equipo albivermello puntuou nun estadio de Santo Domingo contra un conxunto que nada se xogaba. O empate permitiulle poñer unha distancia dun triunfo co Extremadura, que caeu pola mínima fronte a Osasuna, vindeiro rival dos lugueses. Malia esta ampliación numérica co inferno, o CD Lugo semella que leva semanas instalado nel.

Monteagudo sofre un colapso de ideas que se plasma no campo, onde existe a autoxestión por parte duns xogadores con diferentes niveis de compromiso. Segundo a súa profesionalidade ou respecto. Indubidable no caso de homes coma José Carlos, que acabou literalmente coa cara partida. En directo, este Lugo deu a sensación de ser en Alcorcón un morto en vida. Un grupo que se move pola inercia do balón. O xogo albivermello ten parecido co dun patio de colexio, no que cadaquén fai a guerra polo seu bando. Conflitos individuais que xuntos suman cero.

Os erros de pases ou marcas ás veces veñen acompañados de reproches, seguramente nados da impotencia de ter gañado só 2 partidos dos últimos 15 xogados. A supervivencia víviuse nos nas acometidas polas bandas, con actuacións particulares de Campabadal ou Lazo que non chegaron a conectar cos seus compañeiros. Os centros son accións sen unha correspondencia coa realidade. Así, o único que lle queda ó CD Lugo é expoñer ó dianteiro que toque a unha loita sen cuartel coa zaga rival. Sen apoios, só co corpo como arma. E iso non chega… Porque cando se produce unha das contadas ocasións que os de Monteagudo rexistran en cada encontro hai un impedimento: un regate de máis de Morente, un remate sen precisión de Barreiro, un disparo ó ceo de Sergio Gil… Cada suxeito activo ten o seu complemento indirecto sen concordancia.

Aínda peor é o suicidio verbal do adestrador nas roldas de prensa posteriores. Como se chegar ó final do encontro sen goles en contra fora un mérito. O Alcorcón pisou o acelerador na segunda parte e o Lugo nin o veu vir. Foi como se puxese as mans na boca dun tren para tentar paralo. Se físicamente o conxunto está pouco traballado, mentalmente ten moitas terapias pendentes. Os ingredientes convérteno nun candidato perdedor amparado por una afección angustiada que non sabe respirar coa auga ó pescozo. As circunstancias, tanto futbolísticas coma extradeportivas véñennos cada vez máis grandes.

E aínda así un sempre atopa algún momento para redimirse. Sucedeume ó pasear polos arredores de Alcorcón cando reclamaron a miña atención dous galegos que viven no extrarradio madrileño. “A vós fanvos máis falta os puntos ca nós”, díxonos a algún dos que nos desprazamos un home que se identificou como vilalbés. Levaba bufanda amarela, da súa terra de acollida. Un intercambio de pareceres que se repetiu noutra demarcación do estadio con outro lugués emigrado… Para os que marchamos máis tarde, o CD Lugo serviunos de nexo fundamental co noso lar e coa nosa xente. Sentimos orgullo cada vez que alguén nos pregunta sobre a identidade da nosa camisola ou cando vemos que a levan posta outros iguais, que coma nós, fixéronse o outro día máis de 1.000 quilómetros para ver ó seu equipo. Outros non tiveron esa oportunidade, e por eles, non imos deixar orfo a este club.

Comentarios