CCOO exixe modernizar o estaleiro de Navantia para facelo competitivo

Víctor Ledo, secretario da Federación de Industria de CCOO, afirma que é imposíbel modernizar os métodos de construción sen modernizar as instalacións
Rolda de prensa de CCOO sobre Navantia (Foto: CCOO)
photo_camera Rolda de prensa de CCOO sobre Navantia (Foto: CCOO)

Os estaleiros de Navantia na ría de Ferrol precisan de carga de traballo para sobrevivir, pero tamén dunha profunda transformación para modernizar a súa estrutura e facelo competitivo. Así o cree CCOO, que onte advertiu de que se non se levan a cabo as actuacións previstas no plan do estaleiro 4.0, Navantia non terá futuro. 

Ante esta situación, o sindicato empraza o Goberno español a que conclúa o estudo de impacto de medio ambiental do estaleiro para a construción do dique cuberto, que non acaban de entender por que non se desenvolveu aínda. De feito, anuncian que, no caso de que non se avance nestas cuestións nas vindeiras semanas, non desbotan levar a cabo medidas contundentes, sen descartar a convocatoria dunha folga.

Nun acto decorrido hoxe en Ferrol para analizar a situación dos estaleiros públicos, Miguel Pol, membro do comité de empresa, indicou que esta transformación é imprescindíbel para volver competir no mercado internacional porque a capacidade produtiva da factoría melloraría de forma notábel. Poderíase fabricar unha fragata ao ano e un LHD en tres. 

A respecto da remodelación do estaleiro, Pol explicou que consta dun taller de sub-bloques automatizados cuxo investimento está xa autorizado, un dique seco cuberto, un edificio de oficinas e os portos de armamento. Se non se pon o plan en marcha é porque "hai unha obsesión en que Ferrol non sexa competitivo", denunciou o sindicalista.

Víctor Ledo, secretario da Federación de Industria de CCOO, sinalou que é imposíbel modernizar os métodos de construción sen modernizar as instalacións. Tamén indicou que a redución tanto dos custos de fabricación como dos prazos no novo estaleiro quedaría en 25%. "Isto significa que o aforro final na construción dunha fragata roldaría 10% e que pasaríamos de fabricala en 60 a 45 meses. O aforro segundo Navantia sería de case 30 millóns de euros por unidade".

Pola súa banda, Adela López, representante do comité de empresa de Navantia Fene, reclamou un plan de futuro para a factoría, que no caso de Fene entende que debe pasar pola consecución de contratos para armar parques eólicos completos, e non limitarse á construción de estruturas flotantes.

Comentarios