CCOO da Galiza, Euskadi e Catalunya defenden un Estado “plurinacional” e critican a “deriva recentralizadora”

Pide “desxudicializar” os conflitos territoriais e reivindica a “aposta” nun modelo sindical “forte” nun mercado de traballo cada vez máis complexo.

ccoo

O Sindicato Nacional de CCOO da Galiza, a Comissió Obrera Nacional de Catalunya e a Confederación Sindical de CCOO de Euskadi asinan unha declaración na que poñen en valor o compromiso destas tres organizacións “cun Estado plurinacional” e cun modelo “descentralizado” ao tempo que denuncian “a deriva recentralizadora” da dereita española.

Unhas manifestacións que fan na Declaración do VIII Galeuscat de CCOO, encontros entre estes tres sindicatos de CCOO que se levan desenvolvendo desde 1992. Nesta ocasión, a cita decorreu en Bilbo a finais da semana pasada. “Ten como obxectivo compartir prácticas e experiencias sindicais en realidades nacionais, laborais e sociais diferentes, pero con importantes elementos comúns para a estratexia sindical”, explican nun comunicado.

CCOO da Galiza, Euskadi e Catalunya, que reivindican o “sindicalismo de clase” con aspiración de “transformar o mundo”; considera que hai que abrir “canles de diálogo político” que permitan “desxudicializar os conflitos territoriais”.

Entre outras reflexión, no documento apélase a un modelo sindical que sexa “forte” nunha “sociedade fragmentada, nun mercado de traballo igualmente segmentado, nunhas empresas cada vez máis complexas, descentralizadas e parceladas nos procesos produtivos”.

“Apostamos en influír na distribución da riqueza, mediante a nosa capacidade de intervención ante os poderes públicos. Esta faceta de axente social, á que non debemos renunciar, ten que conter prácticas propias para que repercutan na nosa maior lexitimación como organización tamén mediadora entre quen representamos e as institución”.
 

Comentarios