Cautela e escepticismo en Vigo ante as conversas entre PSA Citröen e Fiat

O anuncio de posíbel acordo entre ambos grupos automobilísticos non crea expectación entre as forzas sindicais.

Operaria de PSA Citröen en Vigo  [Imaxe: Europa Press]
photo_camera Operaria de PSA Citröen en Vigo [Imaxe: Europa Press]

A confirmación de contactos entre PSA Peugeot Citröen e Fiat Chrysler Automobiles (FCA) de cara a unha posíbel fusión entre ambas compañías está a ser seguida con interese desde Vigo. Segundo informa Europa Press algúns sindicatos como UXT fixeron un chamamento á cautela tras saber da nova polos medios de comunicación e por un correo electrónico da compañía.

Manuel Domínguez, responsábel da CIG no comité de empresa PSA Citröen, asegura a Sermos Galiza que aínda non teñen coñecemento “oficial” deses contactos e sinala que “a preocupación que ten a día de hoxe o cadro de persoal de PSA Citröen non son as conversas con Fiat. "A preocupación en Vigo son as futuras condicións sociolaborais e económicas nese convenio que agardamos que abra dunha vez”, engade, e pon como exemplo outras “conversas” que tiveron lugar con Renault e que logo “quedaron en nada”.

Desde CC OO o seu responsábel de Industria, Celso Carnero, afirma estar "á espera" dos acontecementos. “Hai tempo que analizamos o sector, onde xa había previsión deste tipo de fusións", indica.

Comentarios