Silencios Parlamentarios

Catro temas pendentes dunha lexislatura normal

A actividade nas Cortes españolas quedou limitada, entre outras cuestións, pola breve duración das dúas últimas lexislaturas, a XII e a XIII. Todos os debates relevantes que afectaban a Galiza adiáronse. Tan só a comisión de investigación do accidente do Alvia puido saír adiante, mais tivo un final abrupto en febreiro pasado. É outro asunto que segue pendente; como o do saneamento das rías, a concreción dun estatuto para as empresas electrointensivas ou a transferencia da AP-9, entre os máis urxentes e que terían levado un trámite parlamentario sinxelo. Eis un estrato da peza publicada no número 366 do semanario en papel Sermos Galiza.
f_4_Politica
photo_camera [Imaxe:cedida] Os restos do Alvia accidentado están baixo custodia nunha nave de Padrón

m_4_Politica"Nós pedimos no verán que se reabrise a comisión de investigación por respecto ás vítimas e ás familias e porque debe emitirse o informe final, quedan moitas cuestións por aclarar e ninguén asumiu aínda as responsabilidades políticas”, di Antón Gómez- Reino, deputado de Galicia en Común e que participou dos traballos da comisión.

“Para nós foi un golpe máis que a comisión se pechara desa forma en febreiro”, explica Jesús Domínguez, portavoz da plataforma de vítimas do tren. “Mais durante a comisión sucederon cousas que obrigarían a reabrila, malia que está claro que PSOE e PP van da man e non teñen interese nela”. A comisión celebrou as últimas sesións coas comparecencias de Ana Pastor e José Blanco como exministros de Fomento. As dúas foron a porta fechada. Pastor e Blanco eludiron responsabilidades directas. Despois, polo adianto electoral, os traballos do comité parlamentario remataron sen que as vítimas tiveran ocasión de volver comparecer, como pediran, e sen informe final ningún. O accidente e as demandas de xustiza mantivéronse con dificultade na axenda durante a campaña das eleccións europeas.

“A comisión estivo baleira de contido. Foi un paripé político entre o PP e o PSOE, que nesta cuestión teñen un acordo evidente por repetido. Eu sufrino nas miñas propias carnes: quixen participar nunha das sesións como público e prohibíronme a entrada”, lembra Ana Miranda, deputada do BNG no Parlamento Europeo e que convidou as vítimas coruñesas a un mitin nos últimos días da campaña de maio. “No Bloque, na etapa de Rosana Pérez no Congreso, xa pediramos un control político sobre o accidente, pero ese control nunca se aplicou”.

Mais a demanda abriuse camiño en Europa e continuou na axenda duns poucos medios galegos e estatais. “Hai novas circunstancias, cousas que pasaron na comisión e cousas que pasaron fóra”, di Domínguez, e sinala informacións xornalísticas do pagamento por parte de ADIF de asesores para determinados comparecentes, e o procedemento por infracción da Lei de servizos ferroviarios que a Comisión Europea abriu ao Estado español.

Este verán, nunha asemblea en Compostela, as familias das vítimas advertiron do “enorme desgaste” que están a sufrir despois de seis anos de pelexa política, xudicial e mediática contra o Estado. Tamén constataron “a traizón do PSOE”, singularizando a súa decepción na deputada coruñesa Pilar Cancela.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 366 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios