Xosé Luís Axeitos

“´De Catro a Catro' é unha homenaxe ao mundo do traballo, un poemario social”

Profesor, escritor e investigador e numerario da Real Academia Galega (RAG), Axeitos, que xa ten lista para publicar a biografía de Manuel Antonio, fala esta terza feira en Compostela no marco das xornadas que decorren na Facultade de Filosofía de Compostela sobre as irmandades da Fala. 'Relacións entre os irmandiños Manuel Antonio, Dieste e Castelao' é o título da palestra. “O concepto de pobo é o que diferencia Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste”

xose luis Axeitos- Imaxe Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB)
photo_camera Imaxe AELG. Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB) CC-BY-SA 3.0 license

- Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste, rianxeiros os tres. Era esa a súa única coincidencia? Cal era a súa relación?

O título da palestra ('Relacións entre os irmandiños Manuel Antonio, Dieste e Castelao') non o puxen eu (rí), para comezar, Dieste nin sequer militou nas Irmandades da Fala. Agora ben, o título serve para ver como nunha vila se establecen as relacións coas Irmandades da Fala, cales son as dinámicas, que son diferentes ás das cidades ou vilas grandes. Como son nunha vila como Rianxo, onde a xeración de Manuel Antonio e Rafael Dieste o contacto que ten é con Santiago. Castelao é outra cousa, era xa un home consolidado, comezaba ter unha proxección pública a través dos seus debuxos, onde xa comezaba a perfilar algo no que sería un mestre: é un dos que mellor manexa a ferramenta política comunicativa co pobo galego.

O concepto de pobo é o que diferencia Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste

- Hai unha relación, unhas ideas comúns mais tamén unhas diferenzas...

- Os tres desde as súas respectivas perspectivas entenden de forma diferente o concepto de pobo, iso é algo que os diferenza. Castelao ten unha visión máis tradicional, ve o pobo como depositario das esencias, dos valores da nación. Manuel Antonio discrepa, para el o pobo non é o depositario último da vontade da nación, non lle dá esa fe que si lle dan os da Xeración Nós. E despois está Dieste, para quen o pobo é unha mitificación, unha idealización constante. Na década dos 20 para Rafael Dieste o pobo era o pobo galego mais na década dos 30 pasa ser o pobo castelán. É un paso que deu, el cría en facer compatíbel o galeguismo co sentimento de España, algo que Manoel Antonio sempre lle reprochou. Podemos ver como nunha vila pequena se daban interpretacións diferentes, mesmo diverxentes a respecto destas cuestións.

- A presenza das Irmandades da Fala en Rianxo era máis ben modesta

- Hai unha cuestión que tamén é interesante, a dificultade no círculo da pequena burguesía intelectual, que é onde se cocen todas estas ideas, de ir máis alá deles propios. De chegar aos mariñeiros, de chegar á xente. E si, a Irmandade da Fala de Rianxo non eran moitos. Nunha carta Manuel Antonio dille a Vilar Ponte que a Irmandade “son eu e uns amigos”. De feito, pasaron certas cousas que tamén afectan. Por exemplo, Manuel Antonio comenta nunha misiva como algúns dos que tiñan como “depositarios”, como o señor Cándido, colaboraron co primoriverismo. Ben é certo que había promesas de mellora para a vila, no porto, fundouse o Pósito de Pescadores... Bon, esas eran as cousas da política nunha vila.

Manuel Antonio mantivo desde mozo unha liña anti-imperialista e contra as guerras coloniais de España. Iso daquela non era doado, non todo o galeguismo se posicionaba

Agora ben, a cousa en canto a influencia do nacionalismo cambiou na II República, un marco xa diferente. Aí o Partido Galeguista en Rianxo chegou a ter máis de 250 afiliados.

- Tiñan relación as Irmandades con organizacións de traballadores que poise haber na súa altura na vila?

- A sindicación que en Rianxo ten máis proxección é a da Sociedad Marítima Pinera, que representaba os traballadores que transportaban madeira por mar até o Porto de Vilagarcía, era unha economía importante naquela altura. Mais esta era unha asociación de tendencia, por dicilo así, do agrario-catolicismo.

- Os tres enmárcanse sen dificultades no galeguismo, mais cada un representa un espazo ben diferente dentro dese campo, e mesmo espazos diverxentes.

- Moi diferentes. Castelao é nacionalista. Un nacionalista que acredita no federalismo, que non é arredista. Confiou en que a II República dese a Galiza a liberdade autonómica. Manuel Antonio era independendentista. E desde moi mozo, con Vilar Ponte, mantivo unha liña anti-imperialista e contra as guerras coloniais de España. Iso daquela non era doado, ollo, era a guerra de Marrocos e había un contexto de exaltación patriótica española moi forte, non todo o galeguismo se posicionou contra esas guerras. Manoel Antonio si. Nunha carta que lle escrebe a Dieste, que estaba combatendo en Marrocos,  pídelle que deserte ou se una a Ab El-Krim.

Castelao era nacionalista, Manuel Antonio, independentista; e Rafael Dieste mantivo un distanciamento reflexivo

- O de Dieste era un galeguismo máis tépedo, xa non entra no que se pode entender como nacionalismo.

- Mantivo sempre unha actitude de distanciamento reflexivo, a propia capacidade dialéctica que el tiña creou unha certa singularidade. El escribía artigos diarios na prensa viguesa, que era a máis importante naqueles anos, e mantiña polémicas con Vicente Risco ou Otero Pedrayo sobre os valores nacionalistas. A el afástalle moito do nacionalismo, onde tiña moitos amigos e coñecidos, o da singularidade lingüística para a nación. El cría que Galiza tiña que xogar un papel dentro do Estado español. Usaba a palabra 'rexión' `para se referir a Galiza, un vocablo que era o que usaba todo o círculo orteguiano, o círculo dominante.

- Vas publicar en breve a biografía de Manuel Antonio, que vén por o ramo á Obra Completa (Prosa, Poesía, Epistolario) que saiu nestes anos. Aínda non está todo dito sobre o rianxeiro?

- De Manuel Antonio hai moitas cousas que non sabiamos. Nesta biografía hai moitos datos, eu non tento dicir “isto é así” senón que expoño os datos para que o lector faga a súa propia interpretación. Hai elementos, como as axendas ou os seus diarios de navegación, que ao telos en conta axudan a ver Manoel Antonio desde outra dimensión. Nos diarios de navegación el anota o seu día a día a bordo e vemos que 'De Catro a Catro' cobra unha nova dimensión, como unha homenaxe ao mundo do traballo, un poemario social. Se a Machado e os seus poemas sobre o campo castelán se inclúen na poesía social, por que non pode ser poesía social Manoel Antonio? Outra dimensión é o tempo verbal dominante nos 19 poemas dese libro, que é o tempo verbal futuro, e o futuro é o tempo do nacionalismo, o nacionalismo que non acata o presente.

Comentarios