Catorce contratos por cada nova afiliada á Seguridade Social, a tolería do mercado laboral en Galiza

A temporalidade e precariedade esténdese. Nos últimos doce meses rexistráronse 3.042 contratos temporais máis que no período anterior fronte a 919 indefinidos menos.

Operarias nunha carpinteiría industrial

Temporalidade disparada no mercado laboral galego, que hai tempo que comparte liderado en Europa co polaco (máis de 27% do total de traballadores e traballadoras son eventuais) e que non dá indicio de minguar, mais ben todo o contrario. En abril, por exemplo, houbo 83.967 contratos nun mes no que o incremento na afiliación foi de só 6.187 persoas: 14 contratos por cada novo traballador e traballadora.

Mais un dado que reflicte que estamos nun escenario laboral para se preocupar. Desde 2012 a contratación aumentou exponencialmente ano tras ano. Un incremento derivado da suba da contratación temporal, que representa 9 de cada dez contratos laborais que se asinan. En 2017 rexistráronse 1.052.944 contratos, dos cales 970.028 foron baixo algunha das modalidades de contratación temporal; contratos que se repartiron entre os 223.300 persoas asalriadas con contrato temporal (segundo estimacións da EPA), o que deixa unha media de 4,3 contratos por asalariada, segundo se indica no informe da CIG sobre o Mercado Laboral na Galiza.

Dos 970.028 contratos temporais rexistrados en 2017, 35,4% tiveron unha duración inferior á semana. Se incrementamos o abano ata o mes son 46,6% dos contratos. Con respecto a 2012, primeiro ano do que dispomos destes datos: Aínda que o número de persoas asalariadas apenas aumentou un 1,2% - 10.000 máis-, o número de contratos rexistrados medrou un 48,5%.

Baixa taxa de cobertura por desemprego

De por parte,  a taxa de cobertura nas persoas en desemprego  foi de 57,5%, deixando fora do sistema de protección por desemprego 80.972 persoas, tendo en conta tanto aos que teñen dereito a cobertura por desemprego como aos que non o xeraron previamente. No Estado a taxa de cobertura é superio, de 59,6%. Hai 40.274 persoas beneficiarias de prestacións por desemprego de carácter contributivo.

Comentarios