Opinión

Categorías lingüísticas

Finalizaba o meu artigo do 28 pasado coa afirmación de que “neofalantes” somos todos, en sendo galego-falantes conscientes. Hoxe ampliarei esta idea, coa benevolencia de quen ler. “Neofalante” é unha denominación que fixo fortuna, xa no século XX, na sociolingüística basca, para se referir ao aprendizado ex novo do éuscaro por parte de español-falantes daquela nación. Sendo ambas linguas xenética e tipoloxicamente dispares, sen máis base común que os latinismos importados-adaptados pola primeira delas, faise certa a necesidade, con efeito, de aprender de novo as estruturas da lingua nacional, sen posibilidade de analoxía practicábel. Con matices, xa que os mesmos posuidores do éuscaro como primeira lingua tamén debían familiarizarse co estándar do éuscaro común, koiné superadora das diferenzas zonais. Por certo, digamos entre parénteses que o adxectivo, entre nós, xa o empregara Carvalho Calero en 1986, para caracterizar a fala de Santiago Montero Díaz no duelo dialéctico que mantivo con Alexandre Bóveda na Asemblea de Concellos en que se discutiu a redacción do Estatuto de Autonomía (Decembro de 1932). Acontece o mesmo con outros termos que semellan actuais ou recentes, cando teñen asento histórico, por exemplo, “galegofobia”, usado xa no seu día por Antón Vilar Ponte.

Non imos cuestionar agora a pertinencia do termo para a situación basca. Sería pretensioso pola nosa parte. Si o imos facer para a situación galega. A orixe da historia está, hai case 50 anos, na fronteira artificialmente estabelecida entre o galego “mamado” (como se fose o leite materno) e o galego “aprendido”, con primacía para o primeiro. O que non se dicía, por parte das auto-nomeadas autoridades filolóxicas da Universidade de Santiago, é que ese galego “mamado” incluía o virus mortal da diglosia, isto é, a submisión ao español en canto idioma superior, acompañado da corrupción ou dexeneración inflixida por este, en forma de ocupación lexical, e non só. Aquel compacto subgrupo de monolingües galegos simplesmente non existía, porque o seu galego ambiental-maioritario non tiña devolución pública, non posuía escrita, non ocupaba rango elevado nengún: era fala, non lingua. O falante desta procedencia, ao igual que o falante de lingua primeira e ambiental castellana, debían “aprender” unha outra noción do galego: a necesidade do seu uso xeral, sen supeditación ao idioma oficial do Estado, sen a condicionalidade de interlocutores, funcións, ámbitos ou interaccións. É esta conciencia a que inaugura unha práctica normalizadora, que abraza por igual galego-falantes de orixe e español-falantes. É ela a que leva, coñecida a consecuencia do conflito (a naturalidade da ocultación do galego, a súa permanente subordinación), a mellorar o seu uso, a dar a importancia debida á escrita, a tratar de o implantar en todos os ámbitos ocupados polo español e a recuperar os usos perdidos. Este esforzo comprometeu uns e outros. Neofalantes? Os que hai a esgalla, no presente, son os do español, unha vez avanzada como avanzou, sen freo institucional, a asimilación a esta lingua e, por tanto, a mingua do galego.

Comentarios