Catarse no xuízo polo “procés”

O profesor de Dereito Procesual da Universidade da Coruña e membro do colectivo Esculca, David Soto, analiza neste artigo as últimas sesións do xuízo que se está a seguir pola convocatoria do referendo do 1 de outubro de 2017 en Catalunya. Eis un extracto da análise, publicada no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza.

foto4

T odo proceso xudicial ten o seu aquel de obra dramática, coa súa escenografía, os papeis ben definidos de cada parte, a súa solemnidade propia da traxedia ou, incluso, un vestiario do máis particular. Tanto será así que ata o nome técnico de quen instan a actuación dos tribunais é o de “actores”. Isto ten unha certa relevancia, porque toda peza teatral tráxica provoca unha catarse. Xestada no eido cultural do mundo helénico, o concepto de catarse refírese ao efecto que produce a representación teatral da traxedia no público. O público visualiza o castigo que padecen os protagonistas, homes –e mulleres- cuxa soberbia ou hybris desafía os deuses, e a partir da visualización dese castigo, redimen as súas baixas paixóns sen padecer nas súas carnes o castigo. Noutras palabras, a catarse educa o vulgo, instruíndoo sobre aquilo que lle está permitido facer e aquilo que lle é vetado.

Pensemos por un momento no xuízo ao procés. A semana pasada desfilaron ducias de testemuñas que relataban como o 1 de outubro de 2017 foran votar ao seu colexio electoral habitual. A Fiscalía teimaba en reiterar a cada unha delas a mesma pregunta: coñecía vostede a prohibición do referendo por parte do Tribunal Constitucional e a orde do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña no sentido de impedir a votación aquel día?

A pregunta ten a súa miga. Se miramos para o artigo do Código Penal que regula a sedición, lemos: “son reos de sedición os que, sen estaren comprendidos no delito de rebelión, se alcen pública e tumultuariamente para impedir, pola forza ou fóra das vías legais, a aplicación das leis ou a calquera autoridade [...] o cumprimento [...] das resolucións xudiciais”. Así as cousas, e descartada por absurda a hipótese do alzamento violento, parece meridianamente claro que a Fiscalía optara por que o tribunal condene os acusados por sedición e, xa que logo, serían instigadores dun acto de desobediencia masivo cara a unha resolución xudicial, o que levaría a impoñer penas de até quince anos de prisión.

Proceso-traxedia

A desproporcionalidade da consecuencia penal salta á vista, pero reparemos outra vez no carácter dramático do acto. Preguntémonos pola catarse nesta peza tan particular. Noutras palabras, cal é a mensaxe que procuran os actores do proceso-traxedia transmitir ao vulgo estes días? Imos ver. Póñanse en situación: este 26 de maio están chamadas e chamados a votar nos comicios municipais e europeos. Deixarían de facelo se chegan a coñecer que un tribunal ordinario manda paralizar o proceso de votación? Deben estar as resolucións xudiciais por riba do dereito ao sufraxio, a partir do cal se constrúe a lexitimidade democrática do noso sistema político? Poñámolo con outras palabras: debemos entender que unha resolución xudicial calquera –incluso a dun tribunal competente- pode paralizar un proceso de conformación da vontade popular?

[Podes ler a análise íntegra no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios