"Esixo ao Goberno español que rectifique e repare o dano causado", di Puigdemont desde Bruxelas

No seu discurso de fin de ano, Carles Puigdemont, pediu ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que recoñeza os resultados das eleccións catalás do 21 de decembro e que comece a "negociar politicamente co Govern lexítimo de Cataluña".

Puigdemont, durante o seu discurso onte desde Bruxelas
photo_camera Puigdemont, durante o seu discurso onte desde Bruxelas.

"Moitos cidadáns esperan que, fracasada a receita da violencia, a represión e a liquidación do autogoberno, comece finalmente a era do diálogo e a negociación que vimos reclamando desde hai anos", dixo Carles Puigdemont no seu discurso de Cap d'Any desde Bruxelas emitido onte a través das redes sociais. E reivindicou que o pobo catalán ten o dereito de se facer "a se mesmo como república de homes e mulleres libres".

"Como president, exijo al Gobierno español y a los que le dan apoyo que rectifiquen aquello que ya no funciona, que reparen el daño causado, y que restituyan todo aquello que han destituido sin el permiso de los catalanes", insistiu Puigdemont, que tivo un recordo para os presos políticos: o vicepresident, Oriol Junqueras, o conseller Joaquim Forn e os responsábeis da ANC e Òmnium, Jordi Sànchez e Jordi Cuixart.

Carles Puigdemont interpelou ao presidente do Goberno español e, despois de celebrar a alta participación nas eleccións do 21 de decembro, que cualificou como un éxito democrático histórico -"podemos estar contentos, como pobo, da nosa participación nunha xornada, agora si, sen violencia nin represión", dixo-, preguntouse: "A que espera o presidente Rajoy a aceptar os resultados?". Puigdemont afirmou que o Goberno central ten "unha nova oportunidade de comportarse como a democracia europea que asegura ser".