Análise

Catalunya: dous anos despois do 1 de outubro

O 1 de outubro de 2017 a política catalá quedou marcada para sempre. Dunha banda, pola acción cívica das persoas –que foron votar asumindo riscos e organizándose desde a base–. Da outra, polo uso da violencia por parte das forzas e corpos de seguridade do Estado, que centraron as súas iras na cidadanía catalá que se mobilizou ao berro de A por eles. Aquel mes de outubro Catalunya camiñou polo fío da navalla, a cabalo da declaración de independencia e da suspensión da autonomía a través da aplicación do artigo 155 da Constitución española. Finalmente impúxose a axenda represiva por parte do Estado español, coa inmediata consecuencia de cárcere, exilio e suspensión da autonomía. Eis a análise de Silvio Falcón, profesor da Universitat de Barcelona publicada no número 366 do semanario en papel Sermos Galiza.
f_5_Internacional
photo_camera [Imaxe: Teresa Grau Ros] Mesa electoral en Catalunya

m_5_InternacionalA suspensión da autonomía catalá foi efectiva ata a configuración do actual Goberno catalán (constituído o 29 de maio de 2018), meses máis tarde da celebración das eleccións autonómicas. Aínda así, o artigo 155 pasou de ser considerado unha medida extraordinaria, reservada para ocasións extremas –unha sorte de botón nuclear–, a converterse nunha proposta electoral aceptábel e ordinaria nos programas do PP e Ciudadanos. Nese sentido, as tres patas de represión seguen vivas no momento actual.

O Goberno de Torra foi unha viaxe transicional entre a vontade de ir máis aló e a constatación dos límites que lle impón a realidade ao movemento independentista. O momentum se cadra xa pasou, e a sobrexesticulación pode facer rexurdir puntualmente a mobilización colectiva, pero tende a xerar frustración a curto ou medio prazo pola súa falta de resultados. É dicir, abusar dos días históricos e das manifestacións imprescindíbeis nun contexto de represión e de avance do inimigo é o mellor aliado da desafección independentista.

Dúas correntes

Neste tempo, o independentismo aliñouse baixo dúas correntes básicas. O “lexitimismo”, que reivindica basicamente o mandato político do referendo do primeiro de outubro e a vixencia do goberno da Generalitat destituído. Este movemento defende que o pobo catalán xa decidiu, e que debe facer efectiva a independencia o antes posíbel. Nesa liña, a realización dun referendo vinculante ou a negociación co Estado non ten sentido. A vía lexitimista deteriorouse estratexicamente durante os últimos dous anos; mesmo as CUP e JxCat –defensoras en primeira instancia desta vía– recompuxeron o seu discurso para acabar pedindo diálogo, negociación e amnistía para os presos.

A outra liña estratéxica do independentismo catalán caracterízase por unha aproximación máis pragmática. Os que a defenden propoñen diálogo e negociación co Estado, exixen a fin da represión e consideran que a medio prazo o independentismo debe ter máis forza para poder facer efectiva a independencia. ERC ten seguido esta liña, de raíz máis autocrítica, aínda sen acabar de debullar o novo escenario que debe guiar os pasos do movemento social independentista tras a sentenza do xuízo ao procés.

Esta clasificación do universo independentista é máis acaída –e realista– que a realizada polo profesor Ramón Grosfoguel entre junqueristas e cuixartistas. Grosfoguel fai esta distinción tendo en conta que tipo de resposta propoñen os dous líderes a curto prazo (pragmatismo ou desobediencia civil), sen ter en conta o rol que xogan ambos os dous como cabezas visíbeis de espazos colindantes pero diferenciados (un partido e unha asociación de base). En cambio, poderiamos considerar que tanto Cuixart coma Junqueras apostan en ampliar a base social independentista e propugnan o diálogo e a non violencia como método para conseguir os seus obxectivos políticos.

A sentenza como punto de inflexión

A sentenza do xuízo ao procés está prevista para mediados de outubro, segundo o anunciado por fontes do Tribunal Supremo. A Fiscalía e a Avogacía do Estado piden penas de entre 7 e 25 anos de cárcere para os antigos membros do Goberno catalán, acusados de delitos de rebelión, malversación e desobediencia. O xuízo estivo marcado por unha instrución vergoñenta, onde os feitos presentados non encaixan coa descrición que o Código Penal ofrece sobre o delito de rebelión. Co gallo de encaixar os feitos nesa tipoloxía penal, falouse de miradas de odio e mais de coaccións inexistentes ás autoridades. Este relato de fantasía, ademais, foi rexeitado por tribunais de Alemaña, Bélxica, Reino Unido ou Suíza, onde o poder xudicial español se dirixiu para conseguir a extradición das conselleiras e políticas exiliadas.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 366 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios