O catálogo social en liña patrimoniogalego.net recolle xa 6.000 bens duns 300 concellos

O obectivo está nos 10.000 e xa superan os 6.000. O catálogo social en liña patrimoniogalego.net é xa o maior rexistro público dixital de monumentos galegos e recibiu neste ano 160.000 visitas.

Coa incorporación dos bucranios romanos de Tomonte, atopados nunha fote no concello de Vilardevós, fixo que o catálogo patrimoniogalego.net superara os 6.000 bens inventariados no que xa é o maior rexistro público en liña de monumentos galegos, achegándose aos 10.000 que sitúan como obxectivo.

Trescentos concellos teñen bens inventariados neste portal que, só no que vai de ano, superou as 160.000 visitas. Pontevedra e Vigo sitúanse á cabeza dos concellos con maior representación mais patrimoniogalego.org conseguiu rexistros en case a totalidade de termos municipais do país. Lugar destacado ocupan as igrexas e cruceiros, con máis dun milleiro de exemplares inventariados, e séguenlle, a distancia, os castros, os petróglifos, os muíños, os dolmens, os pazos, as fontes, as pontes, os petos de ánimas ou os hórreos.

“A fin última deste catálogo social en liña non é outra que a preservación da gran riqueza monumental herdada polos galegos”, sinalan desde unha iniciativa que se nutre da colaboración de persoas que remiten os datos dos bens para este catálogo de natureza social que, ademais de aportar datos e fotografías de cada un dos casos, inclúe unha listaxe vermella de bens que están en mal estado de conservación ou mesmo en perigo de desaparición. Neste momento, case corenta bens están rexistrados nesta relación que inclúe os que se teme polo seu futuro. Canda os datos físicos de cada un dos obxectos -nome, tipoloxía, estilo, datación, propiedade ou grao de conservación- inclúese a tradición oral que se vincula a cada un dos monumentos.

 

Comentarios