Opinión

Castro-Obama: empate técnico

A imprensa sistémica está encantada coa visita de Obama á Habana.Ve nela o comezo do fin do experimento socialista caribeño. Gasta toda a retórica cansativa dos dereitos humanos e da transición á democracia (sic), coas consabidas referencias ao proceso de transición española. Isto xa o vivimos décadas atrás, coas aterraxes de Nixon en Pequín ou Clinton en Hanoi.

Ben, todo iso xa sabemos que en parte é propaganda. Perguntémonos por tanto que hai de real nesta visita histórica. Pois unha situación enquistada de empate técnico entre o maior imperio da historia da humanidade (por poder militar mortífero e por penetración cultural globalizada) e unha pequena Illa que mantén un sistema socio-político virtualmente desconectado do resto do planeta. Empate técnico porque 5 décadas de inxerencia imperialista norteamericana (co uso non infrecuente do terrorismo de Estado) non acabaron coa vontade cubana de avanzar cara ao socialismo e empate técnico porque, 5 décadas despois do triunfo da revolución na Illa, América Latina está moi lonxe do soño de Fidel dunha alternativa viábel ao capitalismo e mesmo nos últimos tempos se teñen verificado recúos moi desalentadores (a derrota bolivariana nas lexislativas venezuelanas, a vitoria de Macri nas presidenciais arxentinas, as tribulacións do dueto Lula-Rouseff no Brasil).

A visión optimista da historia diría que un empate técnico nun duelo desigual é unha vitoria. Cuba recebe Obama sen ter alterado no esencial os alicerces do seu modo de organización social e político (embora si nos últimos tempos ten aberto máis a mao á introdución do capital estranxeiro e as relacións sociais capitalistas comezan a ter un oco significativo na estrutura económica da Illa).

A visión optimista da historia diría que un empate técnico nun duelo desigual é unha vitoria

Iso é certo, mais tamén o é que na historia os empates acaban desfacéndose, ou para un lado -coa restauración do capitalismo e a re-colonización da Illa- ou para o outro -co aprofundamento da experiencia socialista. O desafío portanto para Cuba é sobrevivir como alternativa ao capitalismo nun novo cadro de relación normal -e forzosamente máis amábel- coa súa némesis. Sabemos que ás veces é moito máis doado resistir na guerra que na paz, mais ninguén dixo que a causa do progreso da humanidade fose ser doado, así que toca mudar de táctica para non ceder no taboleiro da estratexia, agora que A Habana aínda ten pendente de conseguir obxectivos tan sensíbeis como o fin do bloqueo ou a devolución de Guantánamo á soberanía cubana.

En fin, amigas e amigos, calquer cousa que atinxa a maior das Antillas nos afecta directamente porque Cuba continúa a ser unha esperanza para os que pensamos que o capital non pode dominar as nosas vidas.

Comentarios