Imprimir

“No caso de Valga os medios fan todo o contrario do que hai que facer”

Erik Dobaño | 23 de setembro de 2019

Carme Adán. Abaixo: anuncio das presentacións en Barcelona o 28 e o 29 da edición en catalán do seu último ensaio.
Carme Adán. Abaixo: anuncio das presentacións en Barcelona o 28 e o 29 da edición en catalán do seu último ensaio.
Carme Adán (Donostia, 1966), doutora en Filosofía, docente e exsecretaria xeral de Igualdade na Xunta do bipartito, presenta esta semana a tradución ao catalán do seu último ensaio, Feminicidio (2018), que publica a editorial Triangular Edicións. A obra leva tres edicións en galego en menos dun ano e tamén foi traducido ao castelán. “É un libro que rebate algunhas cuestións que agora mesmo se intentan poñer no debate, como esa de que a violencia non ten xénero. Teno”.

Feminicidio é un termo xa asumido?
Eu creo que polo movemento feminista, si. Sobre todo no activismo social. E tamén se vai introducindo no feminismo académico. Empeza a estar presente nalgúns medios de comunicación e tamén se utiliza na política pública, pero aínda falta avanzar para que se asente na lexislación. 

No libro fala moito diso, por que son tan importantes as palabras?
Claro que son importantes, senón non habería unha batalla ideolóxica por parte da extrema dereita… Marcan como entendemos o que sucede e van ás causas do que sucede. Nesa batalla preséntannos o que está a pasar como unha violencia intrafamiliar, pero non é unha modalidade máis de violencia que se dea nun ámbito de relacións familiares. É unha violencia estrutural. E o nome desa estrutura é patriarcado. Un elemento que funda ese patriarcado e permite que se reproduza é a educación das mulleres no medo e na non-liberdade, na limitación da liberdade das mulleres. 

Os conceptos son liberadores?
Son necesarios. Sen conceptos non podemos pensar e, polo tanto, non poderemos actuar. Non poderíamos entender as cousas nin lexislar nin facer políticas públicas… A invisibilización é unha parte desa negación do pensamento libre. Os cambios sociais son de longo percorrido. O patriarcado está aí desde hai moitos séculos. E está en moitas accións cotiás, e para modificalas, hai que darse conta de como o sexismo está introducido en todos os ámbitos da sociedade. 

Explica no libro que se foi avanzando, nas palabras, pero tamén nos feitos…
Si, fago fincapé niso porque eu veño da filosofía e tamén das políticas públicas e do movemento feminista.  

Carme ADAN (1)Dicíallo porque crimes como o de Valga son un golpe que mesmo fai poñer en cuestión se de verdade se avanza.
A min o que me parece é que debemos mirar outros indicadores para analizar a evolución. Se a violencia é estrutural e non modificamos a estrutura, a violencia vai continuar… Mais si vexo máis xente nas concentracións, máis conciencia social, máis repulsa, e políticas públicas que van mudando esa estrutura. Non vexo retroceso. Para nada. O machismo pode resultar ás veces moi virulento, pero non me parece un indicador cando do que estamos a falar é dun proceso de cambio social. O que non vai pasar é que imos espertar unha mañá e toparnos con que a violencia desapareceu dun día para outro.

Persoalmente, como encaixou unha noticia como a de Valga?
Os momentos máis duros da miña etapa na política sempre foron despois do asasinato dunha muller. O que máis me custaba é falar diante dos medios porque nunca hai nada que dicir. Calquera cousa que se diga parece un lugar común. Sempre está esa pregunta polo por que. E logo, o minuto de silencio. Cando tiveches contacto coa violencia, sempre queda ese sabor amargo. Agora teño esa mesma sensación. No caso de Valga en concreto… buff!… quedamos todas pensando: que sucede aquí?, eses nenos… É impotencia. 

O machismo pode resultar ás veces moi virulento, pero non me parece un indicador cando do que estamos a falar é dun proceso de cambio social.

Con Valga volven as polémicas sobre o tratamento mediático. Que opina del?
Nefasto. Saltáronse todos os códigos deontolóxicos: non entrevistar nunca aos familiares, nin aos veciños, nin poñer o foco no aspecto, digamos, gore do suceso. A recomendación é trasladar a noticia e punto. Pois non. Non o fan. No caso de Valga os medios fan todo o contrario do que hai que facer. Moitos medios comprométense cos protocolos, ou se suman á Declaración de Compostela; pero cando chega o momento das audiencias van buscar o que vende. 

O movemento feminista xa non se conforma cos minutos de silencio e pide accións concretas xa. Que accións?
Os minutos de silencio son simbólicos, mostras de respecto ás vítimas. Eu non os critico. Pero a cuestión urxente é desenvolver o Pacto de Estado e todos os orzamentos. Hai moitas medidas que se acordaron e que están sen implementar. Empezando polos centros de ensino, polos concellos e polas políticas da Xunta de Galiza. As medidas ficaron no papel. Iso non pode ser. Iso para empezar. Pero tamén hai que mellorar a prevención, o tratamento ás vítimas, actuar no ámbito xudicial, adecuar os xulgados… Levamos dúas décadas relatando que melloras reais se poden facer.

Dúas décadas parece tempo dabondo.
Pois non o é. En realidade a lei integral é do ano 2004 e necesita ter un recorrido. A lei galega é do ano 2007. Se tivera que sinalar responsabilidades concretas de por que estas leis non se desenvolven máis rápido, pois diría que todo o ámbito público. Hai que preguntarse até que punto é prioritario para os gobernos. E despois, cada un na vida cotiá debe preguntarse tamén que fai para mudar as condutas sexistas.

Vivimos nun momento histórico no que todo o mundo emite mensaxes pero ninguén escoita. O feminismo non se pode permitir iso, sempre foi un movemento moi plural e con posturas que nalgún momento agochaban contradicións.
 

No seu último ensaio advirte: “non podemos mudar os valores se non os explicitamos”. Que valores ten que consolidar ou erradicar o feminismo na sociedade?
Creo que falamos moito de igualdade e de xustiza social, pero en poucas ocasións definimos que significa e como se consegue. É facer patente que cando te privan da liberdade, prívante de desenvolver todas as túas capacidades. Para facer leis equitativas e xustas, necesitamos falar sobre os valores que impregnan a sociedade. Estamos enviando mensaxes contraditorias aos cativos, seguen vendo series ou vídeo-xogos nos que o importante é a competición, ser o máis forte, o máis macho… e por outro lado, nas escolas ensinámoslles o contrario. Educar é unha cuestión social. 

Carme ADAN (3)En que sentido a violencia de xénero é un problema político?
Todas as relacións sociais, e tamén a nosa forma de relacionarnos politicamente, están atravesados por desigualdades e asimetrías. As mulleres acabamos de chegar ao ámbito público… nin hai cen anos. As desigualdades e as asimetrías seguen aí. Os propios partidos reprodúcenas. Acabámolo de ver nestas negociacións nas que os egos de dous homes impediron formar goberno. Habería que facer a lectura diso en clave de xénero. 

Seguiu a polémica sobre a cancelación na Universidade da Coruña dunhas xornadas sobre traballo sexual?
Seguín.

E que opina?
Eu penso que ten que existir un debate real. E cando digo real quero dicir que non é unha postura por un lado e outra polo outro… Ten que haber un debate entre ese feminismo que se auto-denomina abolicionista, mulleres que non defendemos a prostitución pero que non nos definimos como abolicionistas e mulleres que defenden, como era o caso destas xornadas, determinada liberdade para o exercicio da prostitución. É un debate moi complexo. Ten a ver coa sexualidade e coa mercantilización dos corpos. Neste caso, o que vexo é que non se pode prohibir o debate. Prohibir é un verbo que conxuga bastante mal co concepto de liberdade que defende o feminismo. Hai que ter capacidade para escoitarnos. Vivimos nun momento histórico no que todo o mundo emite mensaxes pero ninguén escoita. O feminismo non se pode permitir iso, sempre foi un movemento moi plural e con posturas que nalgún momento agochaban contradicións.
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/caso-valga-medios-fan-todo-contrario-do-hai-facer/20190922200315084297.html


© 2020 Nós Diario