Imprimir

Case 80% das prazas en residencias da Galiza son privadas

Redacción-Europa Press | 04 de decembro de 2019

[Imaxe: Xurxo Díaz]
[Imaxe: Xurxo Díaz]

O ‘Informe sobre a Lei de Dependencia na Galiza’, elaborado polos sindicatos de pensionistas de CCOO e UGT na área de Vigo denuncian a falta de prazas en residencias públicas e a baixa proporción por habitante. Salientan que na Galiza as persoas dependentes reciben, de media, 1.000 euros menos que no conxunto do Estados. Os rexedores de concellos socialistas destacan que a Xunta non aporta o orzamento que lle corresponde aos servizos locais de axuda á dependencia.

A Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO e a Unión de Xubilados e Pensionistas de UGT na área de Vigo denuncian que en territorio galego, segundo datos de 2017 recollidos no ‘Informe sobre a Lei de Dependencia na Galiza’, ofértanse tres prazas en residencias por cada cen maiores de 65 anos. O secretario xeral da Unión na área de Vigo, Juan Fontenla, denunciou nunha rolda de prensa que este dato sitúa a Galiza como a quinta comunidade coa proporción máis baixa do Estado.

O documento, elaborado polas sindicatos de pensionistas da área de Vigo, foi presentado esta cuarta feira. O seu obxectivo é analizar a aplicación da normativa e do seu Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia. O informe salienta que en 2017 os centros privados sumaban 78,7% das prazas dispoñíbeis, sendo Galiza o terceiro territorio estatal con menor oferta pública.

Nun marco de protestas dos colectivos de persoas xubiladas na Galiza polas súas baixas pensións, o responsábel da federación de pensionistas de CCOO, Tito Hucha, denunciou que a proporción da oferta implica que só aquelas familias con capacidade para asumir os custos das residencias privadas “poden ter as necesidades das persoas dependentes ao seu cargo cubertas”. Ambos sindicatos denuncian que a situación deriva dos “recortes” aplicados durante a crise económica.

O documento tamén destaca que, segundo datos do Observatorio da Dependencia, o gasto na Galiza por persoa dependente foi nese ano 1.000 euros inferior á media estatal. Os sindicatos ligan esta cifra á escolla, por parte do Goberno galego, da inversión en servizos de custos menores, como a teleasistencia ou a axuda a domicilio. Durante a exposición Ucha advertiu que en 2033 calcúlase que as galegas maiores de cen anos poderán alcanzar as 3.500. Ao tempo, as maiores de 65 anos suporán 30% da poboación galega.

Alcaldes socialistas fondos á Xunta

Esta cuarta feira alcaldes e alcaldesas socialistas reuníronse na Coruña para debater sobre os servizos de atención á dependencia que prestas. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, comunicou que se trata “dunha competencia impropia que asumen os Concellos, cando corresponde ás administracións galega e estatal”.

Formoso lembrou que a Xunta achega 9,70 euros á hora no servizo de atención ao fogar desde 2008, “a pesar de que se incrementaron tanto os prezos da atención como o número de usuarias”. “A situación é insostíbel para as finanzas municipais, a Xunta ten que asumir a súa responsabilidade”, salientou. Os socialistas, a través da Fegamp, esixirán unha actualización da aportación da Xunta.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/case-80-das-residencias-da-galiza-son-privadas/20191204165952087859.html


© 2020 Nós Diario