Opinión

Casaldáliga, fe de guerrilleiro

O pasado 8 de agosto finou no Brasil aos 93 anos o bispo Pere Casaldàliga. Un bispo excepcional, pero da estirpe doutros grandes bispos latinoamericanos finados hai anos, algúns asasinados polo seu compromiso co pobo: desde o mexicano Sergio Méndez Arceo, o ecuatoriano Leónidas Proaño, o colombiano Gerardo Valencia (asasinado en 1972), os arxentinos Eduardo Pironio e Enrique Angelelli (asasinado en 1976), o salvadoreño Oscar Romero (asasinado en 1980), os brasileiros Hélder Câmara e Antonio Fragoso, até o mexicano Samuel Ruiz, que tiven a graza de coñecer nunha visita a Compostela.

A súa mitra era un sombreiro de campesiño sertanejo e o seu báculo un sinxelo caxato de madeira, coma o anel. Casaldàliga era chamado con xustiza bispo do pobo e defensor dos indíxenas; un profeta e un místico do noso tempo, home de acción e teólogo da liberación, unha verdadeira testemuña de Xesús; e ademais un poeta que utilizou a poesía para xerar conciencia social e política e expresar a beleza divina. Dom Pedro dicía que non haberá paz “mentres non se socialice a riqueza”. Por iso, foi alcumado tamén bispo comunista e ameazado de morte por iso.

A súa paixón pola causa de Xesús e a súa loita insubornable pola xustiza e a verdade, quedaron plasmados cedo nuns coñecidos versos do seu poemario Tierra nuestra libertad (1974): “Con un callo por anillo / monseñor cortaba arroz. / ¿Monseñor martillo y hoz? / Me llamarán subversivo / y yo les diré: lo soy. / Por mi pueblo en lucha vivo. / Con mi pueblo en marcha voy. / Tengo fe de guerrillero / y amor de revolución”.

Era de orixe catalán, pero vivía no Brasil desde 1968. Fora nomeado bispo de san Felix de Araguia en 1971, co papa Paulo VI, que o defendeu cando foi atacado dentro e fora da Igrexa, e chegou a dicir: “Quen ataca a Pedro, ataca a Paulo”. Non foi o caso de Xoan Paulo II, que quixo destituílo. Pero logo contou co apoio de Francisco. Outro bispo de agora, o español Nicolás Castellanos dixo estes días: “Xogouse a vida cos pobres, polos pobres e coma os pobres. Pero os seus berros non se queren oír hoxe”.

Comentarios