Casado teima en pedir que se aplique a Lei de Partidos a formacións independentistas

O líder do PP afonda na liña máis dura e belixerante da dereita española.

pablo casado PP

Pablo Casado insiste en que se aplique a Lei de Partidos e este domingo demandou que se suspenda o financiamento a aquelas formacións políticas que teñan líderes procesados por rebelión e sedición, en referencia a ERC e PDACat. Díxoo nun acto do PP en Euskadi, onde afirmou que "os rapaces da gasolina de Arzalluz son agora os da pintura amarela", equiparando protestos e accións de sectores do independentismo catalán coa kale borroka en Euskal Herria na década dos 90.


Casado acusou Pedro Sánchez de ser "un títere dos independentistas" para seguir na Moncloa e acusou o presidente español de "intentar negociar unha sorte de impunidade" para membros de ETA para lograr a "abstención necesaria" de EH Bildu para sacar adiante os orzamentos.


As referencias a unha aplicación dura do 155 en Catalunya e á Lei de Partidos son unha constante nos discursos do líder do PP español. Hai uns días instou o goberno español a poñer en marcha o procedemento para ilegalizar Arran (organización xuvenil da esquerda independentista catalá) e os CDR.


 

Comentarios