A ex vicepresidenta imponse pola mínima na primeira volta

Cospedal gaña na Galiza mais sucumbe no estado ante Sáenz de Santamaría e Casado

Cospedal gaña as primarias do PP na Galiza, mais no conxunto do estado acaba a carreira en terceira posición. Iso significa que non pasa o corte deste 5X —a votación aberta á militancia— e fica eliminada. O Congreso vano decidir as delegadas e delegados o próximo 21X. Soraya Sáenz de Santamaría gaña o primeiro asalto pola mínima nun duelo apertadísimo con Pablo Casado. O ex vicesecretario de Comunicación podería acabar impóndose no congreso se recebe os apoios do sector cospedalista. O PPdeG podería acabar sendo decisivo na vitoria de Casado.

María Dolores de Cospedal e Soraya Sáenz de Santamaría
photo_camera Cospedal gañou en Galiza e Sáenz de Santamaría, no conxunto do estado

Cospedal gañou con clareza as primarias na Galiza, con 1.559 votos face os 1.161 de Pablo Casado e os 1.106 de Soraya Sáenz de Santamaría. Venceu en tres das catro circunscricións do país, A Coruña, Lugo e Pontevedra. Ourense decantouse pola ex vicepresidenta.

Mais a secretaria xeral do PP non correu a mesma sorte no conxunto do estado, onde foi varrida literalmente por Soraya Sáenz de Santamaría e Pablo Casado. A ex vicepresidenta do goberno derrotou o vicesecretario de Comunicación do partido por apenas 1.600 votos de diferenza. Cospedal, por súa parte, non conseguiu rendibilizar a súa condición de xefa partidaria, entre outras cousas porque no PP hai máis dun aparato: está o das organizacións territoriais —en teoría afectas á secretaria xeral—, mais tamén a rede orquestrada por Soraya Sáenz de Santamaría durante os 6 anos en que exerceu a vicepresidencia do Goberno. E Casado? Casado tamén tivo o seu particular entramado de poder, coas Novas Xeracións –nas que el se formou— a traballar na súa causa, e co sector madrileño-liberal do partido —o en tempos liderado por Esperanza Aguirre— a se envorcar a prol da súa candidatura.

Xa desde os primeiros dados do escrutinio, as tendencias estaban moi claras: Casado en cabeza -a arrasar en Madrid e a gañar con comodidade en Valencia e Catalunya- e Soraya en segunda posición -a vicepresidenta a se apuntar a vitoria con moita clareza en Andalucía. Cospedal non era quen de manter o ritmo e, á marxe da Galiza, apenas se facía co triunfo no seu feudo de Castela A Mancha. A contaxe dos votos iría modulando o reparto dos apoios, até o ponto de se verificar no tramo final do reconto unha reviravolta a favor de Sáenz de Santamaría, cunha vantaxe final a respeito de Casado de apenas 1.600 votos.

O segundo con máis votos da militancia pode gañar o Congreso?

Si, esa hipótese está sobre a mesa desde o principio. Casado —segundo candidato máis votado pola militancia— pode acabar gañando o congreso se en primeira instancia rexeita a oferta de integración que en boa lóxica lle formulará Soraya e se, en segunda, obtén o apoio dos delegados do sector cospedalista, algo moi probábel tendo en conta o histórico confronto da secretaria xeral coa ex vicepresidenta.

Nese sentido, os votos do PPdeG poderían acabar sendo decisivos, contribuíndo a pór Pablo Casado á fronte do liderado do partido, confirmou unha fonte da formación conservadora a Sermos Galiza.

Resultados finais

Escrutado 100% do voto, a primeira volta das primarias deitou o seguinte reparto de apoios entre as distintas candidatas:

1.-Soraya Sáenz de Santamaría. 21.513 votos. 37 por cento.

2.-Pablo Casado. 19.967 votos. 34 por cento.

3.-María Dolores Cospedal. 15.090. 26 por cento.

4.-José María García Margallo. 680.

5.-José R. García Hernández. 668.

6.-Elio Cabanes. 185.

Comentarios