Opinión

Carta para o irmán Foxo dende Bruxelas

Envio esta carta dende Bruxelas.  Estes son os últimos días que estou aquí antes de chegar para a o Día da Patria, día no que agardo chegue por correo a carta que con tanto aprezo mando dende estas terras flamengas  nas que tamén un día estivo Castelao. 

Bruxelas, xulio de 2014 

Benquerido amigo Foxo, 

Envio esta carta dende Bruxelas.  Estes son os últimos días que estou aquí antes de chegar para a o Día da Patria, día no que agardo chegue por correo a carta que con tanto aprezo mando dende estas terras flamengas  nas que tamén un día estivo Castelao. 

Recebin a túa carta con moito agarimo, co sentimento de pertenza colectiva e co orgullo de sermos membros do mesmo proxecto de Nación, dos mesmos valores humanistas e do ollar cara o mundo. Eran momentos intensos, despois dunhas eleccións difíciles, despois de dar unha reviravolta polo noso pequeno gran País, na escoita, na achega e no contacto con tanta xente boa e xenerosa que traballou sen pausa. Cando a lin, deume un chimpo ao corazón. Eu emociónome por estas cousas, as humanas, as feitas dende dentro, as que ademais de ter tenrura de compañeirismo, teñen o pouso da comprensión colectiva do que fomos, do que somos e do que seremos, como Pobo e como persoas que o conformamos. Gardo aquela carta no meu peto para a vida. O sorriso non colle neste papel. 

"A aprendizaxe de Bruxelas que levamos feita, contra vento e maré, construindo e reconstruindo, con escano e sen escano, configura esa nosa visión do mundo, internacionalista, solidaria, co respeito a outros Pobos e coa esixencia de respeito cara o noso, xusta e igualitaria".

A aprendizaxe de Bruxelas que levamos feita, contra vento e maré, construindo e reconstruindo, con escano e sen escano, configura esa nosa visión do mundo, internacionalista, solidaria, co respeito a outros Pobos e coa esixencia de respeito cara o noso, xusta e igualitaria. Foi un sumatorio de presenza da nosa Nación que transcendeu nestes anos mesmamente ás nosas siglas do BNG, foi máis, foi ter representado, defendido e cultivado a pranta viva da Nación Galega. Porque as nacións son seres vivos que hai que regalos, mimalos e podalos, máis ás que nunca hai que cortar as  raiceiras. Raiceiras de identidade, raiceiras que nos fan existir no mundo como Pobo. 

A realidade que nos toca vivir está amudar constantemente. O paradigma da mundialización neoliberal caeu nesta poliédrica crise que padecemos e as resistencias a que remate son amparadas polos poderes financieiros e fácticos, xunto co imperialismo dos medios de comunicación uniformizadores que anulan realidades como a nosa, que minten sobre as masacres como a de Gaza ou que emiten cantos de serea para milleiros de persoas que viven na miseria xalundes,  e xa tamén aquí con gobernantes reaccionarios que fan políticas con vendas nos ollos. Por iso dende a realidade nacional galega debemos entender o relativismo da nosa situación no mundo, que non é allea a ese mundo globalizado por interese que se caracteriza por unha situación cada vez máis forte de desigualdade, de inxustiza social e de depredación medio ambiental. Nese contexto, a idea de solidaridade vai unida á nosa defensa de Galiza como nación, porque como decía Johan Vicente Viqueira, “ser galegos implica tamén un compromiso coa humanidade”. 

Esa solidaridade nacional e internacional foi o eixo central do noso traballo no Parlamento Europeo, do que teño orgullo, entusiasmo, ilusión; traballamos con iniciativa e abrimos un vieiro importante, unha presenza, hai un antes e un despois da presenza do BNG en Europa, tanto no eido da defensa do País como no eido internacionalista, e debemos ter autoestima para lembralo, para reivindicalo e para transmitilo, claro que si, como humildemente fixemos nesta campaña. E digo humildemente porque a humildade é unha virtude e sabemos que sen ela non se pode facer política. Como decía o galeguista Lois Tobio no seu libro “As décadas de T.L. “foi fermoso vivir coa ilusión de estar axudando a restaurar a vella casa común, encanastrada por alleos e alleeiros, para despois enriquecela con novas construccións”. Esa é a nosa aportación, unha nova construcción con bimbios solidarios, con relacións igualitarias entre os Pobos, con liberdade, con paz, con cara de muller e de home, de xeracións pasadas, presentes e futuros, con respeito pola pluralidade e a diversidade en todos os eidos e sobre todo, con humanidade de ter sensibilidade cara os problemas, e non ser impermeable.E en especial abrimos un marco de relacións internacionais moi importante, de sumar con Pobos irmaos moitos dos que van estar con nós o 25 de xulio, dende tantos faros no mundo. Non deixamos oco para non tratar nengún tema, falamos de todo, e así vai seguir sendo nesta lexislatura, podes estar seguro como sei que asi pensas e confias, ainda con máis emoción porque a aprendizaxe e un grao e ainda que non temos a exclusividade de nada nen iso pretendemos, si que temos o orgullo de abrir a xanela europa, de que Galiza estivera e fora escoitada, de ter dado todo o mellor de nós para as galegas e os galegos. No Parlamento Europeo todo o mundo recoñece este feito singular, e nós temos a suficiente grandeza política para ver e comprender moitas cousas e tamén asi esperamos que sexa comprendido por quen queira escoitar  na nosa sempre man tendida a facer País.

"Como decía o galeguista Lois Tobio no seu libro “As décadas de T.L. “foi fermoso vivir coa ilusión de estar axudando a restaurar a vella casa común, encanastrada por alleos e alleeiros, para despois enriquecela con novas construccións”

Amigo, non foi fácil e hai pegadas de moitos temas que para acadalos levaron meses e anos de traballo, sumando, construindo, unindo, e o que pode semellar que ven da nada é un producto do traballo e dos xeitos de actuar naquela institución, sumando. Pasamos por moitas etapas, con escano, sen escano, máis sempre tivemos presentes a mesma idea, se estamos ali, é porque o Pobo quixo, porque somos necesarios, e porque non renunciamos a que Galiza sexa unha nación nen aquí nen alá. 

E aquí estamos, novamente, botándolle auga ás raiceiras, cun pé no Pais e outro en Bruxelas, coas mans no tinteiro, co corazón na Galiza, en pé!. Brila o sol. Nuns intres, baixarei ao buzón da Place Luxembourg para mandar túa carta. Logo voltarei á faena desta nova etapa, coa ilusión e o entusiasmo de sempre.

Despídome con agradecemento e conmovida polo detalle, co habitual saúdo que usaba Suárez Picallo na Galiza expatriada, esa que hoxe tamén existe por outras causas e que non debemos esquencer:  Saúde e Terra Ceibe.  Irmán Foxo,  vémonos en Compostela no Día da Patria Galega!.

Comentarios