Opinión

Carta a miña filla

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2018


"Querida futura filla,

Aínda non naciches, de feito non estás planeada ata dentro moitos anos, e xa temo pola túa vida. Pola situación que vivimos, teño a necesidade de explicarche este pánico.

Teño medo de que na escola che digan que non podes traballar de maior nun emprego porque é de homes. Teño medo de que os nenos che suban a saia. De que cando medres, teñas vergoña a pedir unha compresa porque che dáa medo que se mofen de ti. Que cando estés nunha discoteca ou nunha festa, che toquen sen o teu consentimento. Temo que cando teñas o teu emprego non poidas pasar dun certo posto polo maldito teito de cristal. Mais hai un medo que os supera a todos:

Teño pavor, pánico, a que unha noite, voltando para casa, sintas medo. A que cando estés indo pola rúa te vires cada paso para ver se alguén te está seguindo ou se alguén vai moi pegado a ti, que teñas que escoller outra rúa porque pola que vas polo día, agora sexa demasiado oscura.

Teño pavor, pánico, a que unha noite, voltando para casa, sintas medo. A que cando estés indo pola rúa te vires cada paso para ver se alguén te está seguindo ou se alguén vai moi pegado a ti

 

Estamos no 2018, e millóns de anos despois da aparición da raza humana, as mulleres seguimos tendo medo para irmos soas polas rúas de noite. Soamente hai unha cousa que cambiou. Agora somos nós unha manada.
Dende hai soamente uns 100 anos, estamos tomando as rúas, loitando polos nosos dereitos de ser libres, que estamos cansas, mais semella non ser abondo.

Fai case dous meses, o 8 de marzo, paramos o mundo nunha folga xeral de mulleres histórica. Demostramos ao mundo que non temos intención de estar caladas para ser máis guapas, que loitamos polo noso, polos nosos dereitos a estar ao mesmo nivel ca eles e o máis importante, loitamos por non termos medo, para ir vestidas como queiramos, para deitarnos con quen queiramos e cando nós queiramos. Estamos berrándolle ao mundo que NON é NON, e que non significa un pode ser, insísteme, tócame para facerme ganas...

As mulleres seguimos tendo medo para irmos soas polas rúas de noite. Soamente hai unha cousa que cambiou. Agora somos nós unha 'manada'

 

Pero hoxe, 26 de abril, sentenciouse o famoso caso da manada. Penalizouse o caso como un abuso, habendo agresión sexual premeditada e con vídeos como probas, xulgando a vítima por non estar desfeita psicoloxicamente case dous anos despois. Isto soamente podía significar unha cousa, querida filla, que nos tiñamos que volver a manifestar para lle demostrarmos ao mundo que non calamos, que a xustiza e a sociedade está corrupta, mais isto ao final resultará inútil. Seguiremos tendo medo polas rúas de noite toda a nosa vida. Obrígannos a que se nos violan, teñamos que cargar cun cartel imaxinario toda a vida que poña “fun violada por ir vestida como me daba a gana, por andar soa e por ser muller e a única culpable son eu”. 

Non coñezo a absolutamente a ningunha muller ou nena que non vivira algunha situación das que che describín, polo que teño a esperanza de que esta situación cambie, porque agora somos máis e non temos medo a defendernos. Queremos construír un mundo seguro para ti, para todas as nosas fillas e para as nosas netas, e que non vivas o medo que todas pasamos. Quero que ti, e soamente ti sexas dona do teu corpo, da túa sexualidade. Por isto che escribo esta carta, para que saibas que todos os dereitos que agora tes, os conseguimos nós, as mulleres, saíndo a rúa e berrando que non somos propiedades, nin obxectos nin moito menos, inferiores a eles.

Mobilizarémonos ata que non poidamos andar, berraremos ata que quedemos mudas e loitaremos ata morrer. Por nós. Por ti. Por todas as nenas que nazan. Por todas as futuras nais. Para eliminar o medo. Para nos libertar.

Quérote miña filla. Quérote libre e viva.”

Sara Olmedo Velo

Comentarios