Carral analiza a pegada da cultura galega en Escandinavia

A mostra foi inaugurada inicialmente o 10 de marzo e logo suspendida a causa do coronavirus, e poderá visitarse até o vindeiro día 12 de xullo.
A Fundación Carlos Casares é a promotora desta iniciativa cultural (Foto: Concello de Carral).
photo_camera A Fundación Carlos Casares é a promotora desta iniciativa cultural (Foto: Concello de Carral).

A Fundación Carlos Casares, dentro do marco de actividades desenvolvidas no programa O teu Xacobeo, e grazas á colaboración do Concello de Carral e mais a Fundación Penzol, reabriu a exposición Galicia escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela

Inaugurada orixinariamente o 10 de marzo no Local da Xuventude do Concello de Carral, pero apenas dous días despois tiveron que suspenderse as visitas logo das medidas adoptadas para controlar a expansión da COVID-19

A exposición estará aberta até o vindeiro día 12 de xullo, e está destinada a todos os públicos. Mais desde a organización resaltan que "debido ás medidas de seguridade e ao control de capacidade da entrada á exposición", o horario de visitas estará limitado entre as 10 e as 13 horas, coa obrigatoriedade de solicitar cita previa no teléfono 981117020, ou consultando á chegada das instalacións a posibilidade de acceso atendendo á capacidade permitida. 

O Camiño como eixo

A mostra ten como eixo central a relación dos Países Escandinavos: Suecia, Noruega, Dinamarca e os seus antigos territorios (Islandia, Illas Feroe e Orcadas) coa Galiza a través do Camiño de Santiago

O seu obxectivo principal é explicar a historia e o desenvolvemento das rutas xacobeas cara a Compostela, incidindo nos fitos senlleiros do seu devir, nos puntos máis emblemáticos da súa xeografía, urdime de pasado e presente, e do seu patrimonio material e inmaterial. 

Tamén pretende render unha sentida homenaxe á vida e obra dos hispanistas nórdicos que alumearon o universo xacobeo e a forxa da unidade cultural europea, afondando nos traballos de figuras como o  medievalista Vicente Almazán (1924-2006).

 Coincidindo coa exposición, a Fundación Carlos Casares pon a disposición dos usuarios e usuarias unha sección específica da páxina web da entidade que permitirá ampliar os coñecementos sobre os aspectos que se desenvolven na exposición, con textos e audio para a súa consulta por parte de persoas con dificultades visuais. 

Tamén estará a disposición do público, especialmente do máis novo (8-14 anos), unha guía didáctica chamada Busca-busca, na que se deberá indagar nos paneis para obter unha resposta a certos retos presentados.

Comentarios