Carme Torras, Investigadora e especialista en Robótica: "Os robots substitúen tarefas, non substitúen postos de traballo"

A USC fecha hoxe a Conferencia Europea en Intelixencia Artificial, un dos congresos máis importantes do mundo no seu ámbito. Unha das voces máis interesantes desta edición foi a de Carme Torras, investigadora científica do Institut de Robòtica i Informàtica Industrial (IRI).
A investigadora e escritora Carme Torras (Institut de Robòtica i Informàtica Industrial)
photo_camera A investigadora e escritora Carme Torras (Institut de Robòtica i Informàtica Industrial)

Vostede é pioneira en ética da robótica. Que aspectos éticos se cuestiona máis, sobre todo no mundo empresarial?

A robótica entendida como robots que teñen corpo e se moven non sei se preocupa tanto a nivel empresarial como a intelixencia artificial e os algoritmos que toman decisións por si mesmos. En robótica, se falamos no ámbito asistencial, os temas que preocupan máis son os relacionados coa preservación da dignidade das persoas que son tratadas. Que os robots non tomen decisións sen ter en conta as persoas, que non as cousifiquen.

Hai robots que permiten trasladar un enfermo da cama á cadeira de rodas ou darlles de comer, por pór exemplos, e en todo momento ten que informar  a persoa e esta ten que dar o seu consentimento. A persoa ten que sentir que controla a situación.

Outro é incidir en todo o que ten que ver coas relacións afectivas. Se un robot realiza todos os coidados dunha persoa igual esta pode pensar que xa non fai falta que pida hora no médico ou fale coas súas amizades, pois xa ten ao robot. Pode levar mesmo ao illamento se a propia familia pensa que xa a coida o robot e non teñen nin que ir visitala.  

O robot substituirá a traballadora ou o traballador?

Falamos moito de robots mais a maioría son programas de computador. En realidade substitúen tarefas, non substitúen postos de traballo. Poden ser moi útiles e temos exemplos como no ámbito médico, onde os robots acumulan toda a información de moitos doentes e axudan a avanzar nunha determinada enfermidade. Estámolo vendo coa Covid-19. A máquina ten capacidade de procesar moitos datos e dar unhas conclusións. Ou mesmo analizar moitas probas, como analíticas ou radiografías, e presentalas á médica. Esta ten outros criterios porque coñece a idiosincrasia da doente.

Cos dous elementos pódese chegar a unha boa decisión. No exemplo anterior de dar de comer, mostrámolo nunha residencia de persoas maiores. Pensabamos que as coidadoras dirían que lles quitarían o lugar de traballo e non foi así. Explicaron que era á hora do xantar cando se voltaban máquinas para atender todas as bocas sen poder nin falar, como fariamos nunha comida normal. Comentaron que se as liberasen dese tempo, cunha máquina estarían encantadas e poderían realizar funcións de apoio afectivo que moitas veces non poden facer.

Fálase de fenda dixital polo acceso á internet. Haberá unha fenda empresarial entre aquelas que poidan acceder a esta tecnoloxía e as que non? 

É difícil de dicir. Fendas dixitais haberá moitas e xa non a nivel empresarial, entre a xente que se pode permitir certa tecnoloxía e a que non, tamén a nivel de países e mesmo de franxas de idade, persoas máis formadas ou menos, un tema moi interesante. O meu maior obxectivo é que se forme o maior número de persoas. É a maneira de evitar a fenda. En Finlandia tiveron a experiencia de abrir un programa de ensino de introdución á intelixencia artificial, os seus beneficios e os seus riscos, a toda a poboación, en aberto. Tivo un éxito brutal. Unha porcentaxe importante da poboación realizouno.

Cando un ten coñecementos, ten menos medo ás tecnoloxías. Hai que facer achegamentos deste tipo. Formar o máximo para que as persoas sexan conscientes dos beneficios e dos riscos para minimizar estes últimos. Tamén vale a nivel empresarial. Unha empresa que se negue a empregar as novas tecnoloxías está abocada ao fracaso. Tampouco hai que robotizar todo e sacar o persoal porque este labor de interpretación e de pór coñecemento aos datos subministrados pola máquina é importantísimo. 

Coa pandemia acelerarase este proceso de robotización? 

É un dos poucos aspectos positivos que tivo esta situación. Vimos como coa pandemia, por exemplo, o profesorado púxose ao día na dixitalización. Din que avanzou cinco anos. Pola actual situación a miña conferencia en Compostela realizouse de maneira telemática. 

Abonda co actual investimento neste ámbito ou debería de haber máis?  

A nivel dos beneficios puramente económicos está claro que Gobernos e empresas están concienciadas As empresas buscan o seu máximo beneficio e aquí é onde  hai que regular e tentar aliñar os obxectivos da intelixencia artificial e dos robots aos obxectivos humanos. 

Comentarios