Carme da Silva, candidata número 1 do BNG por Pontevedra

“Sen forza propia, Galiza está ausente goberne quen goberne”

Carme da Silva Méndez é a candidata do BNG ao Congreso por Pontevedra. Licenciada en Química pola USC, participou desde moi nova no movemento estudantil. Foi deputada no Parlamento galego polo BNG e actualmente é a tenente de alcalde de Pontevedra. Da Silva é unha das impulsoras do ‘modelo Pontevedra’ de mobilidade, recoñecido a nivel internacional. Afronta agora o reto de devolver “a voz propia” a Galiza acadando representación no Congreso para o BNG co obxectivo de defender os intereses das galegas e galegos. Responde por correo electrónico o cuestionario formulado por Sermos Galiza.

carme da silva
photo_camera Carme da Silva

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

O pobo galego xógase que Galiza volva contar na toma de decisións políticas e nos orzamentos do Estado, que volva ser protagonista. Xógase que as galegas e galegos teñamos capacidade para marcar axenda e que as nosas necesidades e asuntos sexan atendidos. A decisión que debe tomar a xente cando vaia votar é se quere que Galiza conte ou que siga agraviada, como aconteceu até o de agora coas forzas estatais, que o único que fixeron foi alternarse na discriminación ao noso país.

O BNG é a única forza que ten demostrado lealdade aos intereses da nosa terra

Temos que aprender a lección e tomar nota da última lexislatura, facernos valer como país e devolver o BNG ao Congreso para que condicione as políticas do Estado español, xa que é a única forza que ten demostrado lealdade aos intereses da nosa terra. En Madrid están as forzas vascas, catalás, canarias, valencianas… marcando os seus intereses, e nós tamén temos que estar.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

O noso lema de campaña é ‘Agora Galiza’. E que queremos dicir con el? Pois que os últimos anos foron demoledores para o noso país. Na pasada lexislatura Galiza estivo ausente porque as 23 deputadas e deputados elixidos polas demarcacións galegas para o Congreso estiveron mudos.

O goberno presidido por Pedro Sánchez e apoiado por Podemos-En Marea non resolveu os problemas que tiña Galiza

No Bloque Nacionalista Galego alegrámonos profundamente da moción de censura a Mariano Raxoi porque era sacar do goberno un partido condenado por corrupción, un partido que tomou decisións moi lesivas para o noso país.

Mais a consecuencia foi que o seguinte goberno, presidido por Pedro Sánchez e apoiado por Podemos-En Marea, non resolveu os problemas que tiña Galiza. É máis, reduciron os orzamentos un 20% acadando a cifra máis baixa dos últimos 17 anos.

Agora a Galiza tócalle ser actriz principal da man do BNG

Esta lexislatura foi a demostración de que se non hai representación política dunha forza propia que teña a cabeza e o corazón en Galiza, o país está ausente goberne quen goberne. Perdemos catro anos ao estar ausentes do Congreso e agora a Galiza tócalle ser actriz principal da man do BNG.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Un dos principais debates que vai haber na vindeira lexislatura é o da configuración do Estado. Neste momento hai un debate profundo, tanto a nivel político como a nivel social, sobre reformular o Estado que saíu da Transición e que derivou na Constitución do 78 e no Estado das Autonomías, e é unha prioridade que Galiza sexa unha parte primordial nese debate, que os nosos dereitos nacionais e os dereitos sociais estean claramente presentes.

Ademais diso, está o noso dereito a beneficiarnos da nosa produción de enerxía, o dereito sobre o noso sistema financeiro, o dereito a decidir sobre os nosos recursos cun sistema fiscal propio…

Precisamos un modelo de financiamento baseado no concerto económico e na bilateralidade co Estado para que Galiza recade todos os impostos

Precisamos un modelo de financiamento baseado no concerto económico e na bilateralidade co Estado para que Galiza recade todos os impostos e teña capacidade de decidir como os inviste. Hai que falar tamén do traspaso da AP-9, do traspaso das competencias en infraestruturas de transporte de interese xeral, portos, aeroportos, ferrocarril…

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

O BNG ten feito un labor inxente para Galiza no Congreso dos Deputados con todas as súas deputadas e deputados: Paco Rodríguez, Guillerme Vázquez, Olaia Fernández Davila, Francisco Jorquera…

Como muller é evidente que o meu referente é Olaia Fernández Davila

Como muller é evidente que o meu referente é Olaia Fernández Davila, que foi a responsábel das achegas do BNG á primeira Lei de Igualdade e na Lei do Aborto. Tamén cómpren salientar os orzamentos de 2009, nos que Galiza tivo un papel decisivo para a súa aprobación e permitiron elevar o investimento un 8% e foron transferidas cinco competencias, mentres que desde que goberna Feixoo as competencias transferidas a Galiza foron cero.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

A AP-9 é un exemplo claro do trato discriminatorio a Galiza e do espolio dos nosos recursos. Os galegos e galegas aportaron parte dos 4.500 millóns de euros que costou rescatar as radiais madrileñas, que se pagaron cos orzamentos do Estado e por tanto coas aportacións da xente do noso país.

A transferencia da AP-9 libre de peaxes será a primeira iniciativa que desde o BNG defenderemos no Congreso

Tamén se está a transferir a AP-68 a Euskadi. Por que nós temos que seguir soportando as peaxes da AP-9? As portaxes só serven para o lucro de empresas privadas e están a frear o desenvolvemento económico. E nisto, hai que lembrar, PP e PSOE (co apoio de Podemos-En Marea) comportáronse igual, pois subiron as portaxes durante os seus gobernos. Desde logo nós estamos no convencemento de que nun escenario sen maiorías absolutas como o que se pon por diante, os deputados e deputadas do BNG imos ser determinantes para que eses agravios non volvan existir con este país e que realmente as cuestións que nos afectan formen parte da axenda política. A transferencia da AP-9 libre de peaxes será, por tanto, a primeira iniciativa que desde o BNG defenderemos no Congreso.

Como ve as opcións do BNG na cita electoral?

Pois podemos dicir que estamos lanzadas. Temos a convicción de que o Bloque Nacionalista Galego vai estar de novo no Congreso dos Deputados defendendo a Galiza porque hai unha corrente de simpatía que vemos na rúa, nas altas de militancia que se producen diariamente… Temos ilusión porque moita xente, ben nacionalista ou non, pero que lle quere ao noso país, volve mirar para o BNG e ve que as propostas do Bloque son boas para Galiza. Moitas galegas e galegos, como xa dixen, botáronnos en falta no Congreso e esa sensación e a confianza nas nosas capacidades fai que vaimos a por todas.

Comentarios