Carballo aforra 80 por certo en enerxía co cambio a lámpadas de baixo consumo

O de Carballo é o primeiro concello que cambia todo o sistema luminario para lámpadas de baixo consumo. Ademais da importante redución de contaminación, o cambio vai supor o aforro dun 80% en enerxía. 

En Carballo a luz é máis branca. O aspecto do concello mudou despois de o pasado ano se modificar todo o sistema de iluminación, cambiando 7.500 lámpadas de vapor de socio a outras, Led, buscando eficiencia enerxética. 

Compromiso co medio ambiente

“O que conduciu ao cambio foi o compromiso co medio ambiente do goberno municipal. As melloras neste sentido son grandes, mais tamén supón un amplo aforro para o concello xa que o consumo enerxético se reduciu nun 80%, o que suporán 200.000 euros ao ano xa no período de vixencia do contrato coa empresa que fixo o cambio”, explica o alcalde Evencio Ferrero (BNG). A UTE Ferroser-Ferrovial foi a encargada de modificar o sistema de iluminación cun contrato que a compromete durante dez anos non só a mudar as lámpadas senón a asumir o consumo e o mantemento, o que garante a eficiencia enerxética dos materiais utilizados. O concello paga a mesma cantidade anual no período de vixencia do contrato. Ao expirar os dez anos, calcúlase que as lámpadas terán aínda once máis de vida. O contrato inclúe melloras como a instalación dun sistema de detección de viandantes nos semáforos, un punto de recarga para vehículos eléctricos ou mesmo o alumeado das festas. Na zona costeira instaláronse lámpadas con tratamento anticorrosivo. 

Axustada a necesidades

“Aproveitamos tamén para axustar a iluminación ás necesidades da xente, segundo os puntos de tránsito de persoas e vehículos. O cambio mellora tamén a seguridade viaria e favorece a reprodución cromática. Antes as lámpadas volvían todo marrón e agora son máis fieis na reprodución das cores orixinais”, explica o alcalde. 

As lámpadas supoñen unha redución de emisións de dióxido de carbono e de contaminación lumínica, pola emisión da luz de 180 graos desde os 360 das lámpadas de vapor de sodio. En definitiva, pérdese menos luz xa que as lámpadas LED iluminan só cara abaixo, onde a se precisa a iluminación. Aumenta tamén a calidade de luz coas novas luminarias de luz branca que contribúen a reproducir mellor as cores e distinguir obxectos, persoas e vehículos. 

Comentarios