Festival folk

A Carballeira de Zas chega á súa 36 edición

A Carballeira de Zas arrincará esta sexta 2 agosto e estenderase até a noite do sábado, chegando así á súas 36 edición. As persoas asistentes poderán gozar da música tradicional galega e de grupos punteiros internacionais.
Cartel da Carballeira de Zas
photo_camera Cartel da Carballeira de Zas

A música e a festa serán as protagonistas en Zas durante os días 2 e 3 de agosto coa celebración da 36 edición da Carballeira de Zas. Como cada ano, o folk será protagonista con grupos como Perfusión, a gaiteira Susana Seivane, as pandereteiras Tanxugueiras, e tamén coas formacións Dakidarria ou Monoulious Dop. Ademais, o festival volverá ofrecer a posibilidade de gozar de recoñecidos grupos do ámbito internacional, como os vascos Korrontxi, a banda bretoa Celtic Social Club e os irlandeses Fourth Moon.

Un ano máis, a tarde do sábado na Carballeira de Zas está pensada para o goce de maiores e crianzas, contando cunha zona de gastronomía, espazo lúdico infantil, feira de artesanía e diferentes actuacións a partir das 14 horas. 

A música e a festa serán as protagonistas en Zas durante os días 2 e 3 de agosto coa celebración da 36 edición da Carballeira de Zas

Terminarán a festa, o sábado de madrugada, o grupo escocés Tide Lines e o galego Baiuca. A clásica sesión vermú da Carballeira ofrecerá as actuacións de Vos Farrapos, Fourth Moon, Vudú e unha regueifa con Lupe Blanco e Alba María.

O festival ten as súas raíces na celebración relixiosa do Santísimo Sacramento. Hai 40 anos mantíñase o costume de acudir a merendar con música e festa á carballeira, mais a tradición tivo altos e baixos até que nos 80, a Asociación Castro-Meda asumiu a directiva da Comisión de Festas e retomou o costume de baixar o día do Santísimo Sacramento á Carballeira do Souto, co propósito de poder merendar acompañados de músicas tradicionais.

As entradas para o festival están dispoñíbeis na páxina www.festadacarballeira.com e a través de Ticketea. O seu custo é de 12 euros online e 15 en despacho de billetes. Este ano, ademais, de cada entrada comprada online doarase 1 euro á Fundación Íntegro, asociación de persoas con diversidade funcional das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra.

Como en pasadas edicións, as persoas asistentes poderán contar con zona de acampada gratuíta (situada a poucos metros do recinto musical), baños e duchas.

Comentarios