Opinión

Capítulo IV. Logopedia en atención temperá en 4- 6 anos

“O neno que todo o mundo parece coñecer, que ata os 4 anos non falou e despois falou ben, NON EXISTE” (Gerardo Aguado- psicólogo e logopeda). 

Todo o mundo escoitou eso de que “non sei quen” tardou moito en falar e despois falou “como unha cotorra” e sen que lle fixera falta ir a “ningunha logopeda”.  Pois ben, eso é, cando menos cuestionable, posto que a pesares de que a linguaxe ten unha parte innata, como nos indican as teorías de Chomsky ou Piaget, tamén existen teorías que consideran que a linguaxe é produto da aprendizaxe, como consideraba Vigotsky. Teorías aparte, se temos dificultades para desenvolver algunha das nosas capacidades, o normal é pensar en que debemos consultar con quen nos poida axudar. Se tes dor de moas vas ao especialista en odontoloxía, se che doen os pés, ao especialista en podoloxía e así con todo. Pois as profesionais sanitarias que deben encargarse de mellorar e vixiar o desenvolvemento integral da comunicación da infancia somos as logopedas. 

Na etapa de 4 a 6 anos, calquera persoa debería ter adquiridos os compoñentes da linguaxe: fonoloxía, semántica, morfosintaxis e pragmática, ademais de contar cunha boa comprensión da linguaxe oral. Hai que ter en conta que será nesta etapa na que se comezará coa introducción á lectoescritura, máis complexa de adquirir se aínda hai dificultades nas capacidades de base. 

Cando se fala de dificultade nesta etapa, podemos falar dende “simples” dificultades articulatorias ata alteracións na linguaxe relacionadas cun diagnóstico de TEL (Trastorno Específico da Linguaxe) ou TEA (Trastorno do Espectro Autista) pasando por trastornos dos sons da fala, alteracións da fluidez verbal, retrasos da fala ou retrasos da linguaxe.  

Poño entre comiñas o de simples, porque a pesares de que a moitas persoas non lle pareza relevante “ser zarabeto”(non pronunciar o S) ou non pronunciar o R ou calquera outro fonema, supón un impacto na vida da persoa, tanto a nivel social como de desenvolvemento lingüístico posterior. Unha mala articulación ou pronuncia dun fonema, pode repercutir nunha alteración na escritura, posto que, se non son quen de discriminar entre dous sons similares, ou non teño integrados na miña fala determinados fonemas, é máis probable que non saiba facer unha conversión adecuada entre fonema (son) e grafema (letra) para conseguir unha escritura adecuada.  

Capítulo aparte merece o TEL e o TEA para analizar o papel que ten unha logopeda dentro da evolución destes trastornos. Deixando estas patoloxías máis complexas a un lado, tanto os trastornos dos sons da fala (antes coñecidas como dislalias), os retrasos da fala ou da linguaxe como as alteracións na fluidez verbal, poden condicionar a efectividade da comunicación da infancia e actuar a tempo e con tempo, fará que a plasticidade cerebral nos axude a observar unha evolución positiva de forma rápida e evidente. Hai estudos que expoñen a tese de que a partires dunha idade determinada (non a nomearei para que ninguén caia en depresión por estar en suposto declive…) as neuronas comezan a “morrer” deixando de aprender, diminuindo a plasticidade cerebral e hai outras teorías que demostran que as neuronas seguen aprendendo a calquera idade. Sexa como sexa, a realidade é que a atención  temperá supón unha maior efectividade nos tratamentos, obxetivándose periodos máis curtos de intervención e unha evolución máis positiva e rápida que noutras etapas da vida. 

A labor da logopeda nesta etapa, ao igual que en calquera outra e con todas as patoloxías, comezará por unha avaliación exhaustiva, o máis obxectiva posible (axudándose de probas estandarizadas, rexistros de fala en formato audio e video e análise de diferentes tarefas de comunicación) e cunha posterior planificación de obxectivos de tratamento e dos recursos precisos para adquirilos.  

Pode parecer unha tarefa fácil mais non sempre todo é branco ou negro, precisando de moita obxectividade, mais tamén dunha parte de intuición, que solo cha da a experiencia e o enfrontarse cada día ao traballo. Temos que traballar baixo a evidencia científica para dar o mellor trato aos nosos pacientes mais tamén temos que valorar a evidencia clínica do noso día a día, marcando a diferenza no desenvolvemento comunicativo dunha persoa dende a atención temperá. 

Comentarios