Opinión

O capitalismo é compatible con algunha caste de decrecemento?


(Artigo baseado nun texto incluído no libro A esquerda ante o colapso da civilización industrial).

Eu non comparto a posibilidade, apuntada nalgunha ocasión por xente das esquerdas, de que o capitalismo poida decrecer. Polo menos non este capitalismo. Aínda que é algo certamente moi debatido no contexto do Decrecemento e do colapso derivado do Teito do Petróleo, coido eu que o capitalismo —tal e como o entendemos hoxe— só sabe e pode medrar (por suposto, nun sentido cuantitativo, de produción material e xa que logo de uso de enerxía e materiais), é dicir: é expansivo por definición. E poderíamos mesmo dicir máis: o capitalismo é fósil-expansivo. Elmar Altvater salienta esta dependencia do capitalismo con respecto ao petróleo nos seguintes termos (1):

Las sociedades capitalistas buscan volverse independientes del flujo de energía solar porque pueden utilizar los stocks de energía fósil. Para la relación social capitalista con la naturaleza, esta transición ofrece muchas ventajas. El sistema contemporáneo de energía es independiente a nivel espacial y temporal porque la energía fósil es transportable y puede ser concentrada y almacenada donde sea necesario. Por eso, esta energía es “homóloga” a un sistema capitalista dinámico. Esta es la razón por la cual es tan difícil reducir el consumo de energía fósil en las sociedades capitalistas modernas, y por la cual la “eco-regulación” o una economía “sustentable” son tan difíciles de lograr.

E cómpre facermos outra pregunta: podería a propiedade privada dos medios de produción continuar nunha economía de estado estacionario ou en decrecemento? É moi probable, pero aparte do feito de que non terían asegurada a plusvalía derivada da enerxía fósil, e de que se eses medios de produción foren de tipo industrial probablemente non serían sustentables a longo prazo nun contexto de colapso da complexa e mundializada civilización industrial (2), resulta lóxico dubidar que a sociedade tolerase esa propiedade privada nun intre histórico de fonda escaseza material. En calquera caso, a propiedade privada da terra seguiría contando como un valor moi seguro -de renda ou plusvalía practicamente fixa, determinada polo fluxo solar anual (3)-, e por iso é que teimamos en advertir sobre o actual proceso de acaparamento de terras que ha continuar con toda seguridade a medida que o diñeiro hiperfinanciarizado e sen soporte físico, loite por se trocar axiña en riqueza real e produtiva. Por isto é que non descarto que poida haber algunha posibilidade de o capitalismo recuar ás súas orixes agrarias, aínda que sería moi diferente do sistema que hoxe coñecemos e tería enormes limitacións para a reprodución infinita do capital. Semella máis factible desbotaren de vez o sistema capitalista, unha vez esgotada a vía industrial, cando perda utilidade para as elites, e exerceren o seu dominio baixo unha nova —ou actualizada— formulación socioeconómica.

É dicir, que as mesmas minorías sociais que hoxe dirixen este modelo (o famoso 1%) poidan resituarse estratexicamente para dirixir un novo modelo que o substitúa, diso non teño a máis mínima dúbida. Pero dubido moito que puidésemos chamar ese novo modelo capitalista, e desde logo non sería en ningún caso un modelo que puidésemos cualificar de industrial. 

Acerca da relación entre capitalismo e industria explicaba Xoán Ramón Doldán o seguinte (4):

É imposíbel, repito, imposíbel, falar de capitalismo hoxe sen afirmar a construción dunha sociedade industrial. Isto non ten que ver co peso maior ou menor do valor da produción industrial no PIB, pero si o ten co facto de que mesmo naqueles lugares onde o peso sectorial dos servizos é predominante (en termos de emprego ou valor monetario) a lóxica é de tipo industrial. A actividade agraria ou pesqueira non se pode entender sen esa lóxica industrial, o transporte de mercadorías non se podería entender se non vemos que o que se move son produtos industriais ou materias primas para a obtención de produtos industrias, e moitos dos outros servizos (ou da dotación de infraestruturas) teñen un transfundo industrial indubidábel, ou son servizos directamente relacionados coa actividade industrial. A propia actividade comercial e as redes comerciais xiran fudamentalmente ao redor de produtos industriais. Estamos, de facto, diante dunha sociedade hiperindustial. Nese senso podemos falar de «civilización» industrial 

Consecuentemente, se partimos de que non pode sobrevivir o modelo de civilización industrial, debemos concluír que tampouco o poderá facer o capitalismo indisolublemente unido a el. “Quizais o capitalismo aínda perdure algún tempo pero exacerbando o control a todos os niveis e onde primará aínda máis unha perspectiva curtopracista”, aclara o profesor Doldán. E engade a pertinente cuestión da perspectiva histórica: “Como xa aconteceu noutros momentos da historia (o fin do Imperio Romano), aínda ao borde do colapso moita xente non era (ou non quería ser) consciente do que estaba a suceder e posiblemente só se decatou (ou admitiuno) cando xa este desaparecera.”

Se cadra tamén a mutación do sistema capitalista nos estea a pasar en boa medida desapercibida e non recoñeceremos que temos un novo sistema de dominación enriba ata que sexa demasiado tarde.

Notas:

(1). ALTVATER, Elmar (2006): “¿Existe un marxismo ecológico?”, en Atilio Borón, Javier Amadeo y Sabrina González (comps.): La teoría marxista hoy. Problemas y perspectivas, CLACSO. URL: http://bibliotecavirtual.clacso.org.ar/ar/libros/campus/marxis/P3C2Altvater.pdf

(2). Colapso resultado da enerxía minguante de que disporá esta civilización, punto de partida do meu ensaio A esquerda ante o colapso da civilización industrial (Touda & Véspera de Nada, 2015; trad. cast. La Oveja Roja, 2016).

(3). Se obviamos o factor de variabilidade do caos climático que temos xa enriba, que poderá facer variar moito o valor das terras agrarias e forestais ao largo e longo do planeta durante as vindeiras décadas.

(4). Asoc. Véspera de Nada: “Membros de Véspera de Nada contestan ao Ateneu Proletário Galego a conta do Decrecemento”, VesperaDeNada.org (23/08/2011). URL: http://vesperadenada.org/2011/08/23/membros-de-

Comentarios