Opinión

Caos entrópico

Non é a primeira que lles falo da tiranía da realidade. Refírome á acepción de ‘Poder absoluto e non racional que exercen certas cousas sobre as persoas’. Ou se o prefiren o poder que a conxuntura de varias forzas de descontinuidade exercen sobre o conxunto da sociedade nun momento preciso. 

A pandemia puxo en evidencia a crise estrutural que arrastra o liberalismo, a interdependencia das economías, a magnificación dos sectores non produtivos que levaron ao ‘cambio climático’, paradigma do despropósito. A aparición de múltiples gromos de contaxio ligados ao desprazamento turístico cando non ao cansazo da poboación que ve mirrados os seus recursos económicos e as súas liberdades básicas é tamén un síntoma. Non formulo aquí unha teoría que negue feitos probados. Nada semellante. Así e todo, enténdese que acostumados como estamos á manipulación informativa, sexa lóxico que xurda o cansazo cando non o desleixo cando se trata de adoptar as medidas de protección sanitaria deseñadas polos diferentes gobernos. 

As actividades públicas e moitas no eido do privado están sendo afectadas pola pandemia, mais tamén a crise ecolóxica e as moitas e variadas crises que no mundo se están producindo asemade. Regresa a crise nuclear no Irán, o secretario de Estado dos EEUU anunciará en Marrocos (en crise interna), a soberanía marroquí sobre o Sáhara occidental, Libia e Líbano son Estados inexistentes, Bielorrusia vive unha crise que ameaza con derrocar a ditadura, África subsahariana está a piques de explotar, a violencia azouta Colombia, hai inestabilidade en toda Sudamérica, disturbios raciais nos EEUU, tensión entre India e Paquistán, revoltas en Hong-Kong e Tailandia, masacres e golpes de Estado aquí e acolá. Nese remuíño non faltan furacáns, tifóns ou incendios forestais. 

É necesario máis que nunca repensar o mundo en que vivimos. Despois do caos, como despois da treboada chega a calma, mais este caos ameaza con levar por diante millóns de vidas.

Comentarios