As cantigas de Afonso X a ritmo de jazz

Coa liberdade creativa e ornamental como bandeira, desde a falta de consenso na interpretación dos rexistros conservados, o contrabaixista Pablo Sanmamed leva ao terreo do jazz as cantigas de Afonso X no seu último disco, 'Ben Vennas Maio'.
Folque-BenVennasMaio-Single spotify
photo_camera Folque-BenVennasMaio-Single spotify

Hai discos que chaman a atención no panorama galego polo singular da súa achega. É o caso de Ben Vennas Maio, o último traballo do contrabaixista Pablo Sanmamed, no que as linguaxes da música medieval e o jazz conflúen con sutileza para traer aos nosos días unha interpretación propia das cantigas de Afonso X.

E precisamente a perspectiva do autor foi unha das chaves neste senlleiro vinilo que vén de publicar aCentral Folque, pois como sinala o compositor en conversa con Nós Diario, pensaba que estas pezas estaban "máis consensuadas". Porén, hai moitos aspectos abertos á interpretación: "Non está segura a notación, non hai orquestración nin codificado", explica o músico.

Nas cantigas hai moitos aspectos abertos á interpretación: "Non está segura a notación, non hai orquestración nin codificado", explica o músico

Esta non era a primeira vez que Sanmamed traballaba coas cantigas, pois no seu periplo en Fía na Roca xa o levara a tocar algunha. Mais comezou a interesarse a fondo polo tema recentemente, a raíz dalgunhas lecturas. E o que o sorprendeu foi precisamente a liberdade creativa que se abría no traballo con estas melodías, que el trouxo ao seu propio terreo: o jazz.

Deste modo, atoparemos rexistros ben diferentes ao longo do disco, desde o piano intimista que se espreguiza con delicadeza como un interludio entre as partes cantadas desa coñecida "Strela do Día" até as superposición de voces de "O Genete".

Tamén profanas

A selección dos temas, conta Sanmamed, foi atendendo quer ao plenamente musical quer ao contido da letra. Neste último procuraba que non houbese un exceso de loanza desa figura feminina idealizada e arquetípica, pois iso non lle interesaba especialmente. "Ademais das de Santa María, hai tamén cantigas profanas", explica o contrabaixista, polas que admite que se sentiu máis atraído.Celtia Moroño, caracterizada
como maia, ocupa a capa do disco. (Foto: Eutropio Rodríguez)

Aínda que a maioría das faixas se corresponden cunha única cantiga, "Sola fusti Senlleira" é unha suma de varias, que ao compositor lle encaixaban nas distintas partes harmónicas. Noutros casos houbo que acurtar, pois as pezas de Afonso X tenden a ser moi longas.

Aliás, o disco conta cunha feliz excepción: "La rosa enflorece". Este é o único corte que non atoparemos nas composicións do rei sabio, senón que adapta unha canción andaluza, como ben destaca melodicamente ao ouvido. "Xa que traes a unha especialista en música mudéjar, que menos", comenta Sanmamed.

Refírese a Begoña Olavide, que toca o salteiro e canta. Ademais dela, rodean o compositor Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (viola de gamba), Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería) e Carlos Castro (percusións).YDRAY-Pablo1

Dentro da procura temática, algunhas cancións resultarán de seguro sorprendentes desde a lectura do presente. É o caso da aceda crítica aos excesos dos poderosos en "Non ven al maio". Sanmamed engade o impactante que lle resultou a "perspectiva humanista" da cantiga "47", unha ollada "pacifista que case parece deste século". Porén, esta peza non se atopa na escolma final, da que moitas cousas ficaron fóra.

O vinilo e o límite

A condicionar esta selección contribuíu a duración limitada que supón editar en vinilo. A Folque optou por un formato moi coidado, de tirada pequena, que alén das propias gravacións se complementa coas imaxes do fotógrafo Eutropio Rodríguez e unha serie de textos elaborados pola poeta Alba Cid, nos que reflexiona sobre os distintos temas que lle vai suxerindo cada peza.

Gostarías de seguir coa lectura? Vai polo Nós Diario á libraría ou quiosque máis próximo ou mércao na nosa tenda online. E prepárate para futuras informacións de interese tramitando a subscrición agora mesmo!

Imaxes de Eutropio Rodríguez.

Comentarios