Como dicilo?

Canteira

Canteira de granito no Porriño (Cedida)
photo_camera Canteiras de granito no Porriño

Non me estou a referir á expresión de uso maiormente futbolístico ou deportivo en xeral –mais tamén trasladábel a outros eidos- senón a unha locución que creo de orixe recente e ámbito galego: facer canteira ‘provocar rotura e destrozo´.

 

A locución ten en principio un sentido propio, derivado do traballo do canteiro ao petar sobre a pedra, rompendo o chan ou a parede (Tiven un problema no fregadeiro da cociña e para amañalo fixéronme unha canteira enorme) aínda que despois adquire un uso figurado e coloquial, normalmente no campo da medicina. Particularmente en contextos de golpear algunha materia dura coma os dentes e moas (-Tiven que ir ao dentista por unhas moas que tiña moi mal. –E fíxoche moita canteira?) ou mesmo cos osos.

 

Hoxe fálase con frecuencia do albanel, mais o termo tradicional da profesión de quen traballaba coa pedra e construía casas é canteiro. A palabra procede de canto ‘pedra’ da que derivan moitas outras palabras como cantil e acantilado, cantazo e acantazar, cantullo, etc. E a arte de traballar a pedra (ou o mesmo material) e á cantaría ou cantería, mais nunca debemos dicir canteiría, que é un falso galeguismo, como reloxeiría, libreiría, panadeiría ou cabaleiría.

 

Claro que existen tamén palabras homónimas (é dicir da mesma forma e diferente significado) dese canto ‘pedra’. Así canto ‘esquina, ángulo, beiril, extremidade’ que nos leva a falar do canto dun libro, do canto da man, do canto dunha moeda ou do dun moble (e dunha cantoneira, moble para situar nese canto), dun recanto ou recuncho, do canto ou comisura dos ollos ou da boca. Diferente sentido que o anterior –aínda que probabelmente relacionado con el- ten un canto, cantelo ou canteiro de pan, un anaco. E, naturalmente, nada ten que ver con todos os que citamos a palabra canto no sentido de cantiga, canción.

 

Volvendo á canteira de pedra e aos dentes lembraremos que os dentes caninos son tamén chamados en galego os canteiros. Por picaren na dureza.

 

E dúas locucións novas cos dentes, logo: non lle folga o dente, é dicir ‘non para de comer’, e mais gañalo cos dentes para comelo coas enxivas é ‘dicir aforrar de novo para ter de vello’.

 

Non imos xa repetir o que dixemos no artigo “Regañar” tocante a regañar os dentes ou regañar o fociño. Sinxelamente apuntar as variantes regañar as moas e regañar a dentamia.

 

E, como aínda hai varias cousas interesantes por falar referentes a estes cantos, continuaremos co mesmo asunto no próximo artigo… no canto de abandonalo.

 

Comentarios