O cantautor Jei Noguerol celebra medio século de carreira cun single

Foi unha das voces máis significativas nos arredores da Nova Canción Galega. Pero a proposta de Jei Noguerol mantívose á marxe das letras máis explicitamente politizadas de Voces Ceibes ou Suso Baamonde e por veces xogou con elaborados arranxos pop. Agora edita un single con dúas cancións para celebrar medio século de intermitente carreira musical.

jei noguerol 2
photo_camera Jei Noguerol nunha imaxe promocional. Foto: cedida.

Qué noite a daquel verán, máis alá dos ecos beatle do título, remite ás orixes do músico, nado en Viveiro en 1950, e na canción aparecen topónimos como O Valadouro, Suegos ou Folgueiros. Tamén a súa Barcelona adoptiva e o Passeig Lluís Companys. Na cara B do sinxelo, Port d'en Perris, cantada en galego e catalán, unha historia de amor entre unha noia e un rapaz que vén de lonxe.single jei noguerol

O disco, gravado en agosto e setembro de 2018 en Barcelona, fará parte do libro Folgos. Nas dúas cancións participaron Xavier Batllés, Blai Casals, Clàudia Cabero, Noa Noguerol, Dani Morén, Rosa Pascual, Pau Figueres, Daniel Farran.

A composición talvez máis coñecida de Noguerol é Señor Ministro, faga o favor (1970), canción satírica sobre o estado dos camiños, ironicamente crítica e con aire pop. En 1976 publicou o seu primeiro LP, Denantes dos vinte anos. O disco é, canda o mítico Ahí ven o maio (1975) de Luís Emilio Batallán, un dos máis musicalmente traballados da canción galega da altura. Na produción estaba o músico catalán Enric Herrera, antes na banda progresivo psicodélica Máquina!

Profesor de lingua e literatura castelá no ensino medio, Jei Noguerol nunca abandonou de todo a música e periodicamente edita cancións e discos en galego.

Nota: cuberta do novo sinxelo de Jei Noguerol.

Comentarios