Cans premia a Miguel de Lira, Jorge Coira e Feliciano Bernárdez

O actor leva o Premio Pedigree; e o Chimpín de Prata (Premio Pepe Puime) vai para Jorge Coira e Feliciano Bernárdez.

cans
photo_camera Miguel de Lira, Jorge Coira e Feliciano Bernárdez

O Festival de Cans decidiu concederlle nesta edición o Premio Pedigree 2017, o seu máximo galardón honorífico, ao actor Miguel de Lira (Lira, 1964), un deses intérpretes que medraron á par que o fixo o audiovisual propio de Galiza. Fiel seguidor e difusor deste evento desde a primeira edición, Cans quere contribuír deste xeito a recoñecer o traballo dun actor que consideran "imprescindible" no panorama do audiovisual galego actual.

Así mesmo, a organización do festival decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime”, que recoñecen cada ano o apoio que unha personalidade lle outorga ao festival e mais o labor dos veciños e veciñas de Cans, a Jorge Coira, director, guionista e montador que ten traballado no espallamento, difusión e fomento do Festival de Cans, e a Feliciano Bernárdez “Xano”, o chimpineiro máis veterano de todos os que levan a cabo esa tarefa no festival. Todos eles recollerán o seu premio na “Noite das Homenaxes” que se celebrará o 26 de maio no Torreiro de Cans. O acto rematará coa colocación de estrela de Miguel de Lira. 

Miguel de Lira é unha das caras máis recoñecidas do teatro e do audiovisual galego.

Miguel de Lira é un deses intérpretes que medraron ao mesmo tempo que o foi facendo audiovisual galego. Cunha filmografía de máis de vinte filmes, Miguel de Lira é unha das caras máis recoñecidas do teatro e do audiovisual galego. O seu personaxe de Evaristo Currás na serie 'Mareas Vivas' ou o seu papel protagónico na serie da TVG 'Pepe o Inglés' convertérono nun actor icónico, e o seu labor como fundador de Chévere desde 1986 estivo recompensada co Premio Nacional de Teatro en 2015. O Festival de Cans non só premia a Miguel de Lira polo seu amplo currículo, traxectoria e versatilidade como actor, senón tamén polo seucompromiso coa sociedade, a cultura do país e o entorno que o rodea. 

Jorge Coira (Rábade, 1971), director, guionista e montador, traballo polo que levou o Goya en 2016 co filme “El Desconocido”, é un profesional imprescindible no audiovisual galego e unha persoa que sempre estivo altamente vinculada ao Festival de Cans: desde as primeiras edicións, Coira ten participado como xurado e como colaborador en diferentes actividades. Por todo este compromiso co festival, a organización decidiu premialo este ano co “Chimpín de prata - Premio Pepe Puime”, galardón que se outorga ás persoas que traballan no impulso e fomento do Festival de Cans.
 
Ademais, cada ano, o Festival de Cans concede tamén un Chimpín de Prata aos veciños e veciñas que participan activamente na súa celebración. Nesta edición, o Chimpín de Prata irá a parar ás mans de Feliciano Bernárdez “Xano”, o chimpineiro máis veterano do Festival de Cans con 77 anos. O chimpín de Xano ten levado a ducias de directores, directoras, actores, actrices e personalidades que visitan o festival. O premio a Xano quere ser tamén un recoñecemento ao patriarca dunha familia moi implicada co festival.
 

Comentarios