Cineastas de seis países e 152 filmes

Cans, entre pantallas, galpóns e chimpíns

Cans fai 16 anos. O festival de cinema talvez máis popular de Galiza acollerá entre o 22 e o 25 de maio na parroquia do Porriño cineastas de seis países, músicas de diversa pelaxe, artistas de probada solvencia e filmes de pequeno formato e gran ambición até 152. A súa singular paisaxe de chimpíns, galpóns, famosas en roupa de ir á leira, actores despistados e público de toda a parte dáse por segura.
 

presentación cans
photo_camera Presentación da décimo sexta edición do Festival de Cans, este 7 de maio en Cans. Foto: cedida.

Rodrigo Sorogoyen, cineasta madrileño con dous Goyas no currículo e autor da curta Madre -que se poderá ver en Cans- nominada aos Oscar será un dos principais protagonistas da cita, que esta cuarta feira presentou a súa programación completa. Con dúas sección centrais, Ficción e Animación con dez e cinco filmes respectivamente, unha retrospectiva do alemán Hannes Stöhr e pezas dos portugueses Paulo Furtado ou Pedro Maia, o director do certame Alfonso Pato salientou “o carácter cada vez mías internacional do festival”. Autoras galegas, armenias, francesas, españolas ou suízas ratifícano.

E heteroxéneo. Porque ademais haberá unha liña transversal de programación, dedicada a filmes de perspectiva feminista e co epígrafe de Ultravioleta. Que tamén se reflectirá nas actuacións musicas. Ao cabo, co paso das edicións, a música erixiuse no outro grande polo de atracción de Cans.

Este ano comparecerán nos escenarios Wyoming e Los Insolventes, o preciosista pop electrónico de Aries, o rock punk de combate de Dakidarría -en formato acústico para a ocasión-, o folk de Raiceira, a canción de autora de Su Garrido Pombo ou o “particular soul” de Patricia Moon.

Outra das seccións paralelas titúlase Fillas e fillos de cans, e dedícase a filmes de cineastas conectados co festival. Estrearase Beiras. Vivir 2 veces, de Jorge Coira sobre a traxectoria do político nacionalista, e El Santa Isabel, de Paula Cons. O encontro 20 anos de Mareas Vivas servirá para que os actores daquela mítica teleserie lembren a efeméride.

No xurado das seccións oficiais están as actrices Cris Iglesias -coñecida polo seu traballo en Chévere, cuxo filme baseado en Eroski Paraíso preestréase en Cans- e Melania Cruz, o músico Xosé Manuel Budiño e os cineastas Andrés Goteira -director de Dhogs-, Alberto Vázquez, Zaza Ceballos e Juanjo Giménez. No de non ficción, os cineastas Xacio Baño e Liliana Torres e a xornalista francesa Isabelle La Gonidee. No de videcolpis, o realizador Carlos Alberto Alonso, a compositora Patricia Moon e o músico Paco Serén. Veciñas como Suso do Placer, Mercedes da Graña, Lourdes do Monte, Mucha de Luis e Iván Táboas completan os xuris.

O 16ª Festival de Cans organízao a asociación cultural Arela e conta co apoio do Concello do Porriño, a Deputación de Pontevedra, a Agadic e o patrocinio de Gadis ou Estrella Galicia.

Comentarios