A canción descalza de Suso Vaamonde

Homenaxes en Regodobargo e O Carballiño
Suso Vaamonde.
photo_camera O cantautor Suso Vaamonde nunha imaxe dos anos 70. Foto: www.susovaamonde.com.

Suso Vaamonde percorreu estraños camiños. A súa canción de intervención naceu canda as míticas Voces Ceibes, mais nunca acabou de se integrar no colectivo. O seu disco de 1977, o directo Nen rosmar un laído, é emblemático dun tempo e un país, pero hai anos que está fóra de catálogo. Musicou amplamente Celso Emilio Ferreiro e porén o seu traballo apenas figura entre as influencias de quen despois traballaron sobre o poeta. Condenado en 1980 a seis anos e un día de prisión por "inxurias á Patria con publicidade", exiliouse en Inglaterra, Alemaña e Venezuela e pasou mes e medio no cárcere de Ourense, até que lle concederon o indulto catro anos máis tarde da sentenza. As súas composicións para cativos con textos de Manuel María ou Neira Vilas atinxiron gran popularidade cando xa ninguén agardaba por Vaamonde. Mais, malia o desleixo da industria cultural cara ao seu legado, a vinte anos da súa morte, homenaxes en Regodobargo e O Carballiño amosan que a súa figura respira.

"É un piar fundamental da xeración que iniciou a música en galego", explica Belém Tajes, integrante do dúo soul Vudú e crítica musical en Sermos Galiza, "mais a súa obra estase perdendo. Non hai reedicións dos discos. As novas xeracións están desconectadas da historia da música galega, que está escurecida". Con excepcións, puntualiza, como a súa propia ou a de cantautores de novas fornadas. Vaamonde (Ponte Caldelas, 1950-Vigo, 2000) rexistrou o seu primeiro traballo, o lendario Loitando, de maneira clandestina en 1975. Contiña poemas de Cabanillas, Celso Emilio ou mesmo Chicho Sánchez Ferlosio.

Xosé Constenla é outra desas excepcións. Coñece ben a súa obra, desde que, de cativo, aprendeu Galiza ou Eu en ti. "Ao comezar a cantar en actos políticos e culturais adoptei Daniel [sobre o poema de Darío Xohán Cabana] ou Uah! [a que lle valeu o exilio]. O seu traballo sempre estivo presente no meu, aínda que de xeito non central", di a Nós Diario, "logo distancieime un pouco. Bebín doutras fontes e caín, non intencionadamente, nalgo que sempre se falou polo baixo: que os seus temas eran simples, de harmonías moi básicas e que a súa voz non axudaba". Mais Constenla non se conformou e hai uns anos volveu escoitalo "en serio".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios