Opinión

A canalización oficial das discrepancias

Poderiamos dicir que o Estado non só deseña o que van ser as ideas oficiais senón tamén as discrepantes.

O feminismo, Podemos, a ecoloxía, a música independente, son vistos pola sociedade como discursos críticos pero, ao mesmo tempo, son visualizados por esa mesma sociedade a través dos medios oficiais.

O que non está nos medios non existe.

Así, por exemplo, a cultura galega non forma parte, nin sequera, da disidencia. É, oficialmente, invisíbel. Só nos damos conta de que existe cando observamos directamente a base social.

Sobre isto, hai unha excepción: a materia de lingua galega no ensino. É, practicamente, a única conquista lograda nos últimos corenta anos.

A cultura galega non forma parte, nin sequera, da disidencia. É, oficialmente, invisíbel. Só nos damos conta de que existe cando observamos directamente a base social

Este carácter oficial xera valores positivos, pero tamén discrepancias. Por exemplo, o cuestionamento da ortografía da Academia.

Con esta oficialidade parcial do galego sucede igual que co feminismo. Algúns sectores revólvense ou ben contra ela ou querendo ir máis alá (hai alumnos que empregan a denominación de “feminazis” para criticar as feministas), caendo nun grave erro interpretativo e de proporción, posto que tanto a materia de galego como o feminismo, aínda estando recoñecidos oficialmente, non representan a liña dominante do discurso.

Mentres tanto, o que si é fundamental non se cuestiona. Por exemplo, o papel das materias de historia e lingua españolas. Ambas exercen o papel dunha verdadeira Formación do Espírito Nacional, con maior eficacia, pois non posúen o estigma da vella ensinanza franquista.

Con esta oficialidade parcial do galego sucede igual que co feminismo.

Na materia de Lingua e literatura española seguen programándose autores insulsos e pouco representativos en termos literarios, simplemente por razóns “patrióticas”, do mesmo modo que a historia que se imparte continúa reproducindo os vellos mitos, apenas matizados. Segue sendo unha historia reducionista, con non poucos silencios e distorsións.

O ensino é, aínda hoxe, unha área vixiada, tanto ou máis que os medios de comunicación.

Comentarios