O campo de concentración de Rianxo

Foi o inferno na terra para os máis de tres mil prisioneiros que pasaron polo campo de concentración ao longo de dous anos. O estabelecemento penal de Rianxo deixou pegada nos milleiros de presos políticos chegados desde diferentes puntos do Estado, mais tamén nos milleiros de veciños de Arousa que manifestaron a súa solidariedade cos detidos. Trátase, ao fin, doutro capítulo do terror franquista que fica por reparar. AQuí podes ver un avance do publicado no Sermos 349.

descarga (1)

A mediados de novembro de 1937 entrou en funcionamento o campo de concentración de Rianxo. As instalacións empregadas para recluír os presos políticos correspondíanse cunha antiga fábrica de salgadura construída arredor de 1870, propiedade da familia Goday e situada no lugar que as xentes da vila designan como «O Castelo», onde Anxo Baltar Cortés instalara por volta de 1925 unha fábrica de luz co seu correspondente muíño eléctrico. O inmóbel, que sería derrubado definitivamente en 2002 en plena febre do ladrillo para deixar paso a unha urbanización, respondía á estrutura típica deste tipo de edificacións, formando un conxunto de casa-vivenda, naves de salgadura, finca cunha extensión aproximada de dous mil cincocentos metros cadrados por onde saían os presos nos tempos mortos, e un cerramento de pedra de máis tres metros de altura que rodeaba todo o complexo carcerario.

O campo de concentración de Rianxo recibiu entre novembro de 1937 e novembro de 1939 máis de tres mil presos políticos. Segundo os dados fornecidos por Xesús Costa e Xesús Santos, as persoas que máis e mellor estudaron este episodio, o centro de detención viviu tres etapas diferenciadas e definidas pola situación política do momento e a función fixada polo réxime franquista. A primeira iniciárase o 14 de novembro coa chegada á vila no vapor «Alfonso Senra» de arredor de 1046 reclusos, na súa maior parte soldados do exército popular da fronte norte de orixe asturiana e vasca, algúns dos cales morrerían afogados no traslado desde o barco fondeado en Portomouro até o centro de reclusión. 

 A este primixenio continxente non tardaron en sumarse centos de antifascistas galegos condenados en diversos procesos celebrados na xurisdición militar, incorporándose a partir de agosto de 1938 grupos de voluntarios republicanos detidos após a derrota do goberno democrático na fronte do Ebro, que chegaran á localidade en camións despois de seren trasladados por tren desde Zaragoza a Padrón. 

A reportaxe íntegra podes lela no Sermos Galiza nº349, dispoñíbel na nosa loxa

Comentarios